Skip to main content

Estudan a sustentabilidade ambiental das moléculas de organismos mariños empregadas en produtos farmacéuticos ou cosméticos

Paula Pérez defendeu a súa tese na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (Foto: Iria Lema, Biogroup)
Paula Pérez defendeu a súa tese na Escola Técnica Superior de Enxeñaría (Foto: Iria Lema, Biogroup)
Paula Pérez proporciona na súa tese os primeiros perfís ambientais de compostos con actividade biolóxica de interese

Unha nova tese do Departamento de Enxeñaría Química da USC continúa avanzando na busca da sustentabilidade ambiental. Neste caso, a doutoranda Paula Pérez López focalizou o seu traballo na perspectiva de ciclo de vida dos sistemas da biotecnoloxía azul. Trátase dunha área estratéxica para Europa que persegue obter, a partir do cultivo de organismos mariños, unha ampla gama de produtos que inclúen biomoléculas de alto valor engadido con potenciais aplicacións en sectores como a industria farmacéutica, nutracéutica ou cosmética, así como na produción de biocombustibles como alternativa limpa ás actuais fontes fósiles.

No seu traballo ‘Environmental sustainability of bioactive molecules from marine organisms’ e no marco dun proxecto europeo do programa FP7 con colaboradores de oito países, Paula Pérez proporcionou os primeiros perfís ambientais de compostos con actividade biolóxica de interese como ácidos omega-3, enzimas, carotenoides con propiedades antioxidantes ou alcaloides con actividade antitumoral, extraídos de diversas especies de micro- e macroalgas, esponxas, fungos e outros microorganismos mariños.

A investigación, que dirixiron os profesores do Grupo de Investigación de Enxeñaría Ambiental e Bioprocesos Gumersindo Feijoo e María Teresa Moreira, permitiu así mesmo afondar en aspectos clave do cultivo de microalgas comparando as principais alternativas tecnolóxicas para a súa produción a escala piloto e industrial e cuantificando os efectos da incerteza que se deriva da ampla variabilidade dos parámetros matemáticos nos resultados ambientais. Ademais, xunto aos aspectos relevantes para o medio ambiente, a tese incorpora a avaliación de indicadores sociais e económicos para obter unha análise conxunta das tres dimensións nas que se basea o desenvolvemento sustentable.

Tese internacional
Esta investigación deu na publicación de oito artigos, dos que sete corresponden a publicacións en revistas científicas indexadas no Scientific Citation Index: Applied Energy (Factor de Impacto 5.613), Bioresource Technology (FI 4.494), Journal of Cleaner Production (FI 3.844) e Science of the Total Environment (FI 4.099).

Para a realización deste traballo doutoral Paula Pérez realizou tres estadías de investigación no Algae Production and Research Centre (AlgaePARC) da Universidade de Wageningen (Países Baixos), no Department of Civil and Environmental Engineering de Northeastern University (Boston, EE.UU) e no Limerick Institute of Technology (Irlanda). Estes méritos, xunto coa redacción e defensa da tese en inglés, permitiron á doutoranda acadar a mención internacional de doutoramento coa máxima cualificación de sobresaliente 'cum laude'.

Agora Paula Pérez comezará a traballar no Centre Observation, Impacts, Energie da Escola Superior de Minas de París (MINES ParisTech) especializado na análise e modelización dos sistemas de produción de enerxía a partir de fontes renovables.

A doutoranda cos directores da tese e os membros do tribunal que a avaliou (Foto: Iria Lema, Biogroup) Evolución do número de produtos naturais de orixe mariña descubertos nos últimos 50 anos Esquema conceptual das etapas e produtos segundo un enfoque global de biorefinaría de microalgas Mapa da rede de colaboracións internacionais e procesos analizados na tese de doutoramento

The contents of this page were updated on 12.01.2015.