Unha ampla representación da Rede de Centros Singulares da USC participa en Braga no encontro internacional sobre nanotecnoloxía Nanomed Europe 19

Conferencias maxistrais, sesións paralelas sobre investigación académica na área, translación cara á clínica e tendencias en tecnoloxías médicas disruptivas. O Congreso Internacional NME19 reúne esta semana na cidade de Braga (Portugal) persoal científico, empresas, axencias e funcionariado da Comisión Europea interesados no desenvolvemento da nanomedicina, tanto no ámbito da investigación como na clínica e a industria.
Entre as citas máis destacadas do encontro cabe destacar a conferencia plenaria que impartirá este mércores a profesora María José Alonso, investigadora do CiMUS e representante da USC ante a Plataforma Europea de Nanomedicina (ETPN). Ademais, a investigación da USC estará amplamente representada a través das dez comunicacións orais que conducirán diferentes equipos de investigación da Rede de Centros Singulares (CiMUS, CiQUS e CiTIUS), así como do AeMAT, a nova Agrupación Estratéxica en Materiais da universidade compostelá.
O obxectivo destas comunicacións é presentar os resultados de investigación obtidos en áreas relacionadas coa temática principal do congreso, como nanosistemas intelixentes para o transporte de fármacos, sistemas biomiméticos, nanosensores para medicina personalizada, terapias celulares e xénicas ou medicina rexenerativa; un paquete de iniciativas presentadas non só desde unha perspectiva de investigación básica, senón tamén traslacional.