As docentes da USC López Alonso e Miranda Castañón forman en manexo e enfermidades de ruminantes a veterinarios de Brasil
As profesoras da USC na Facultade de Veterinaria do campus de Lugo Marta López Alonso e Marta Miranda Castañón forman en técnicas de manexo e control de enfermidades de ruminantes a veterinarios brasileiros a través dun curso de de posgrao en Ciencias Animais que imparte a Universidade Federal do Semi-Árido (Ufersa).
Marta López Alonso, da área de Cirurxía e Medicina Animal da USC, e Miranda Castañón, pertencente ao Departamento de Ciencias Clínicas Veterinarias da institución académica compostelá, veñen de completar unha estadía en Brasil, onde impartiron a estudantes do posgrao en Ciencias Animais da Ufersa varias sesións avanzadas sobre manexo de vacas en transición e enfermidades asociadas, patoloxías de macro e microminerais e patoloxías dixestivas en lactantes. Estas profesoras da Facultade de Veterinaria da USC, que tamén forman parte do cadro docente do citado posgrao da Universidade Federal do Semi-Árido, ademais de participar en proxectos de investigación sobre identificación e monitorización ambiental de metais tóxicos e esenciais con modelos animais que se están a desenvolver na universidades de Sâo Paulo, Universidade Federal do Oeste do Pará (Ufopa) e mesmo na Ufersa, aproveitaron a súa estadía en Brasil para avanzar na elaboración dun convenio de cooperación bilateral entre a institución académica compostelá e a Ufersa.
Este novo convenio bilateral entre a USC e a Ufersa, un acordo xa asinado polo reitor da universidade brasileira, José de Arimatea de Matos, e que nas próximas datas tamén será validado polo reitor compostelán incrementa as liñas de cooperación no eido da investigación entre as dúas universidades dun e doutro lado do Atlántico, ao tempo que facilita o intercambio de docentes e discentes entre as dúas institucións académicas.