Skip to main content

O profesor Luís Miguel Varela Cabo tomou posesión como decano de Física

O reitor Juan Vaiño felicita ao decano de Física (Foto: SERVIMAV-USC)
O reitor Juan Vaiño felicita ao decano de Física (Foto: SERVIMAV-USC)
Foi reelixido para o cargo o pasado mes de maio

O profesor do Departamento de Física da Materia Condensada Luís Miguel Varela Cabo tomou posesión este martes como decano da Facultade de Física, cargo para o que resultou reelixido o pasado mes de maio nunha xunta de centro na que obtivo 62 votos a favor e outros 13 en branco. A consecución do Centro Singular de Investigación en Física aprobado na Xunta de Facultade e a consolidación da oferta docente deste centro, en especial no relativo ao novo Máster en Física, son dous dos obxectivos que o decano incorpora na súa axenda de traballo para os vindeiros anos. Ademais, a súa xestión orientarase a potenciar a proxección externa do centro así como a súa conexión co mundo empresarial, ao tempo que continuar as reformas emprendidas en materia de infraestruturas ou na actualización do regulamento interno e manter o clima de consenso acadado nos últimos catro anos. Para o decano, “manter a nosa posición de referencia na universidade investigadora” é un reto clave no porvir do centro co que coincide o reitor Viaño, que lembrou que a Facultade de Física compostelá capta o 15% dos recursos de investigación do total da Universidade. Varela Cabo Luís Miguel Varela Cabo (Lugo, 1972), doutor en Física pola USC con Premio Extraordinario de Doutoramento, dende 2003 é profesor titular do Departamento de Física da Materia Condensada. O groso da súa tarefa docente desenvolveuse na mecánica estatística e no tratamento estatístico de datos físicos, así como en materias de novo cuño como a Econofísica. Tamén colabora na docencia de diferentes másteres como o de Enerxías Renovables, Ciencia e Tecnoloxía de Materiais, Filosofía: cuestións actuais e, no recentemente creado, máster en Física. A súa actividade investigadora tense centrado na mecánica estatística de sistema complexos (fluídos cargados complexos, redes complexas, modelización de sistemas económicos, de propagación de epidemias,...) eidos nos que é autor de máis de 70 publicacións e monografías e nos que ten dirixido diversas teses de licenciatura, traballos fin de máster e teses de doutoramento, ademais de ter liderado redes e proxectos de investigación autonómicos, nacionais e europeos e diferentes convenios con administracións públicas.

The contents of this page were updated on 09.30.2014.