Skip to main content

Dereito mostra as saídas laborais no eido xurídico

Nun foro de emprego a desenvolver entre os días 1 e 3 de outubro

O estudantado de titulacións relacionadas co ámbito xurídico terá esta semana na USC unha oportunidade de coñecer as saídas laborais de que dispón tanto no sector privado como no público. Será no foro de emprego que se desenvolverá na Facultade de Dereito entre os días 1 e 3 de outubro organizado polo grupo Xuristas en Acción e dirixido polo investigador ruben.miranda [at] usc.es (Rubén Miranda Gonçalves). A esta xornada de emprego, enmarcada no programa Iniciativa Xove da Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado, acudirán profesionais de pequenos, medianos e grandes bufetes para explicarlle aos mozos e mozas as saídas laborais no sector privado. Ademais, intervirán o director Territorial da Inspección de Traballo e Seguridade Social de Galicia, Carlos Domenech de Aspe, e o presidente da sección sexta da Audiencia Provincial da Coruña, o maxistrado Ángel Pantín Reigada, para explicar as saídas laborais no sector público, en concreto no ámbito da Inspección de Traballo e no mundo da xudicatura (oposicións a Xuiz e a Fiscal). O foro, gratuíto e válido por un crédito de libre configuración, rematará cuns talleres a cargo da técnica da área de Orientación Laboral da USC Purificación Torrente sobre cómo realizar un bo currículum vitae e a carta de presentación e con técnicas para superar unha entrevista de traballo.

The contents of this page were updated on 09.30.2014.