Skip to main content

O grupo GEPN presenta unha plataforma que moderniza o sistema de recollida, tratamento e presentación de información arqueolóxica

O grupo de Estudos para a Prehistoria do Noroeste (GEPN) da USC desenvolveu unha infraestrutura de datos espaciais (IDE) que modernizará e unificará a metodoloxía de recollida e consulta de información arqueolóxica. Trátase da plataforma IDEPatri e pretende unificar os criterios que rexen unha base de datos para conectar coas preocupacións de todos as especialidades implicadas na cadea que se estende dende o punto de escavación ata as salas de exposición dun museo. O obxectivo, explica a profesora Josefa Rey Castiñeira, é que toda a información que xeran os xacementos teña un corpo único e consultable, “que as investigacións deixen de estar illadas, para así acurtar os tempos e custes de traballo”. No desenvolvemento do proxecto tamén están implicados o Centro de Supercomputación de Galicia (Cesga) e a Asociación de Empresas Galegas de Arqueoloxía (AEGA). As características desta nova plataforma presentaranas o vicerreitor de Oferta Docente e Innovación Educativa, Roberto López López, nun acto público o luns 30 a partir das 12.00 horas no Paraninfo da Universidade (Facultade de Xeografía e Historia). Nesta presentación intervirán a investigadora principal do proxecto, Josefa Rey, que se referirá ás particularidades das IDE na investigación arqueolóxica; o técnico de Sistemas de Información Xeográfica (GIS) do Cesga, Emilio Abad, que tratará as particularidades técnicas da plataforma; e o presidente de AEGA, Israel Picón Lamas, relatando a implicación das empresas de arqueoloxía como consumidores e creadores de datos.

The contents of this page were updated on 06.27.2014.