Skip to main content

A Universidade de Verán 2014 completa a súa programación a comezos de setembro con oito novos cursos en Santiago e Lugo

A Universidade de Verán 2014 completa a súa programación a comezos de setembro con oito novos cursos en Santiago e Lugo
A Universidade de Verán 2014 completa a súa programación a comezos de setembro con oito novos cursos en Santiago e Lugo
O prazo de inscrición nos distintos seminarios permanecerá aberto ata o 27 de agosto

A USC completa a súa programación da Universidade de Verán 2014 coa celebración de oito novos cursos de verán en Santiago e Lugo ao longo da primeira semana do mes de setembro. A temática dos distintos programas ofertados é moi diversa e vai desde o aproveitamento sostible dos cogomelos, fontes documentais do estudo do monte galego, fotónica e tecnoloxías láser, prestación de servizos sanitarios, eficacia enerxética na construción, ou uso educativo e valor cultural dos xardíns. O prazo de inscrición en calquera destes cursos de verán da USC permanecerá aberto ata o vindeiro 27 de agosto e as persoas interesadas poderán formalizar a súa matrícula a través da páxina web da USC.

Santiago de Compostela A programación de cursos estivais articulada pola UC nos campus de Santiago de Compostela ao abeiro da Universidade de Verán 2014 durante a primeira semana de setembro é máis ampla e inclúe ata seis títulos diferentes, con temáticas ben variadas. Fronteiras entre Fotónica e Tecnoloxías Láser O curso de verán ‘Fronteiras entre Fotónica e Tecnoloxías Láser’, un programa dirixido por María Teresa Flores Arias, desenvolverase do 1 ao 3 de setembro no salón de actos da Facultade de Óptica e Optometría de Santiago. Os obxectivos deste curso pasan por achegar o mundo da fotónica aos participantes e espertar o seu espírito científico, facéndolles descubrir a importancia da fotónica e os láseres no mundo que nos rodea a través das charlas e obradoiros. Prestación de sevizos sanitarios ante os retos do século XXI Ofrecer unha visión interdisciplinar da prestación de servizos sanitarios, combinar a análise académica e a perspectiva práctica dos profesionais do ámbito sanitario e xurídico implicados, debater sobre temas actuais e polémicos e reflexionar sobre as recentes evolucións dunha contorna moi dinámica e sobre as pautas de futuro desenvolvemento en materia de servizos sanitarios, constitúen os obxectivos deste curso estival da USC, dirixido por Belén Trigo e Amalia Puga e que se desenvolverá do 1 ao 4 de setembro na Facultade de Dereito. Eficacia enerxética na edificación A Aula de Proxectos da Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago acubillará no 1 ao 5 de setembro este curso estival da USC, un programa dirixido por Águeda Lago e Rocío García que busca Informar das últimas tendencias en temas de eficiencia enerxética no sector da edificación. Coñecer os distintos estándares e certificacións existentes, concretamente, o Certificado BREEAM e o estándar PASSIVHAUS, capacitar ao alumno/a para o uso de ferramentas que permitan obter e consultar de xeito telemático os certificados enerxéticos de vivendas son outras das premisas deste programa. O uso dos xardíns como recurso educativo Os profesores da USC Juan Pedro Ortiz Sanz e Ana María Porto Castro dirixen este seminario estival da USC, que se celebrará os días 2 e 3 de setembro na Facultade de Ciencias da Educación. Estruturado en 15 horas lectivas, os obxectivos deste curso son dar a coñecer ao alumnado e profesorado as utilidades dos xardíns como recurso educativo, ademais de achegar á comunidade educativa os beneficios dos xardíns no desenvolvemento de competencias en diversas áreas curriculares ou intercambiar experiencias educativas que poden ser levadas a cabo en xardíns. Por-vires de Marx Trazar unha panorámica xeral do pensamento de Karl Marx poñéndoo en relación co pensamento filosófico contemporáneo, ademais de debater da man de investigadores cualificados a situación política e filosófica actual e favorecer o diálogo interdisciplinar entre afeccionados e especialistas en distintas materias das ciencias sociais son algúns dos obxectivos fixados polos organizadores deste curso de verán que se celebrará dos días 2 e 3 de setembro na Facultade de Filosofía de Santiago baixo a dirección de Francisco Conde Soto. Xardíns de Galicia: Difusión do patrimonio e turismo cultural O programa da Universidade de Verán 2014 da USC dirixido por María Jesús Sainz e Carmen Salinero pretende afondar no coñecemento do deseño, a historia e a biodiversidade vexetal nos xardíns de Galicia, e o seu valor como patrimonio vivo para a promoción e o desenvolvemento do sector turístico. Este seminario estival, estruturado en 15 horas lectivas, celebrarase os días 3 e 4 de setembro no Centro de Estudos Avanzados de Santiago de Compostela. Lugo O campus de Lugo acubillará do 1 ao 5 de setembro dos cursos de verán: ‘ Aproveitamento sostible de cogomelos comestibles en Galicia’ e ‘ As fontes documentais para o estudo do monte en Galicia’. O primeiro dos seminarios, que se desenvolverá do 1 ao 3 de setembro na sede do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural (Ibader), é un programa dirixido polo catedrático da USC Antonio Rigueiro Rodríguez, a través do que os distintos relatores convidados pretenden ofrecer aos asistentes unha visión ampla e detallada sobre as principais especies de cogomelos comestibles e velenosos de Galicia, sobre a súa importancia económica, sobre o seu aproveitamento sostible e sobre a normativa que regula ou debera regular este aproveitamento. O curso estival sobre as fontes documentais para o estudo do monte en Galicia está dirixido polo profesor do Departamento de Historia da USC Gonzalo Francisco Fernández Suárez e desenvolverase os días 4 e 5 de setembro na Facultade de Humanidades do campus de Lugo, así como no Museo Provincial e na sede do Arquivo Histórico Provincial de Lugo. Os obxectivos deste curso pasan por dar a coñecer e poñer en valor a utilidade das fontes documentais relacionadas co espazo forestal custodiadas no Museo Provincial de Lugo e no Arquivo Histórico Provincial de Lugo.

The contents of this page were updated on 07.31.2014.