Skip to main content

Sémata ofrece unha visión transversal do mar con achegas de autores de universidades de España, Canadá, Brasil e Chile

Os contidos do número 25 da revista Sémata xa están accesibles na web da USC
Os contidos do número 25 da revista Sémata xa están accesibles na web da USC
Presentouse na Facultade de Xeografía e Historia o número 25 da revista de Ciencias Sociais e Humanidade, coordinado por Alberto Martí e Santos Solla

A revista Sémata, de Ciencias Sociais e Humanidade achega na súa última entrega unha visión transversal do mar e das súas manifestacións e actividades asociadas, a través de contribucións e investigacións desenvolvidas por autores pertencentes a diversas universidades de España, Brasil e Chile, nas que se aborda de xeito interdisciplinar a realidade do mar desde a perspectiva das ciencias sociais e das humanidades en relación coa importancia que ten na vida das persoas e, polo tanto, no conxunto da sociedade. O vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continúa, Francisco Durán Villa, presentou este martes na Facultade de Xeografía e Historia o número 25 de Sémata co título ‘O mar: unha ollada transversal desde as ciencias sociais ás humanidades’, que coordinan os profesores Alberto Martí Ezpeleta e Xosé Manuel Santos Solla. A directora da revista, editada pola Facultade de Xeografía e Historia da USC, Marta Cendón Fernández; a vicedecana do devandito centro universitario, Pilar Rodríguez, e o director do servizo de publicacións da USC, Juan Blanco, tamén participaron na presentación. O carácter transversal da súa temática e a internacionalización dos seus autores, entre os que se atopan docentes e investigadores da Universidade de Santiago de Compostela, Universitat Illes Balears, Universitat de Barcelona, Universidad de Sevilla, Université de Montréal, Universidad de Los Lagos (Chile), Universidade Federal de Santa María (Río Grande do Sul, Brasil) ou Universidade Federal de Paraíba (Brasil), son dúas características salientables desta nova publicación que vén de saír do prelo. Respecto das áreas estudadas nesta última entrega, a revista Sémata aborda o tema da pesca nas súas diversas manifestacións: a artesanal, a acuicultura, a internacionalización das flotas europeas ou a pesca desde unha perspectiva de xénero, en diversos escenarios: galicia, Brasil, Chile... Cunha visión do proceso histórico, outros autores afrontan nesta nova publicación a análise da importancia dos bancos de bacallau de Terranova nos séculos XVI e XVIII ou achegan ao lector/a á pesqueira tradicional da almadraba propia do sur da Península Ibérica.

A influencia do mar na paisaxe e as diversas formas que adopta é outra das cuestións incluídas na temática deste número. De feito, esta revista presenta curiosas achegas desde a Xeografía ou a Historia da Arte para descubrir o patrimonio dunha vila mariñeira como o é Pobra do Caramiñal ou a forza dunha lenda viva como a Costa da Morte, sen esquecer o cometido que desenvolve o mar dentro da tradición xacobea.

The contents of this page were updated on 02.25.2014.