Skip to main content

A USC participa nun consorcio europeo para a innovación no ámbito da educación STEM mediante a aplicación de tecnoloxías educativas

A USC participa nun consorcio europeo para a innovación no ámbito da educación STEM mediante a aplicación de tecnoloxías educativas
A USC participa nun consorcio europeo para a innovación no ámbito da educación STEM mediante a aplicación de tecnoloxías educativas

Dende o pasado mes de febreiro, un novo consorcio europeo formado por doce organizacións, entre elas a USC, desenvolven o proxecto europeo ATS-STEM orientado á innovación de políticas europeas no ámbito da educación STEM mediante a aplicación de tecnoloxías educativas.

A Universidade compostelá intégrase neste consorcio coa dilatada experiencia do Grupo de investigación de Tecnoloxía Educativa que coordinan as profesoras Beatriz Cebreiro López e Carmen Fernandez Morante. Como especialistas en investigación educativa, a achega principal deste equipo céntrase na coordinación e o desenvolvemento do proceso de investigación avaliativa que permitirá valorar os resultados da aplicación piloto da proposta educativa ATS-STEM en máis de 120 escolas de toda Europa.

Entre os obxectivos deste proxecto k3, de tres anos de duración e cun financiamento total de 2.340.000 euros, figura a preparación dun marco educativo STEM e unha contorna tecnolóxica que dea soporte ao desenvolvemento de boas prácticas en centros educativos que inspiren e fundamenten as políticas educativas da Unión Europea e poñan o foco de atención no desenvolvemento de competencias transversais e metodoloxías didácticas innovadoras en Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas. Así, o proxecto traballará directamente con centos de docentes e alumnado de educación media de toda Europa, dando soporte ás prácticas de ensinanza–aprendizaxe STEM nos propios centros educativos nos que exercen a súa profesión e deseñan as súas estratexias formativas.

Ademais da USC, no consorcio participan as institucións superiores de educación Kildare Education Center, University of Tampere, Dublin City University, Danube University Krems, National Education Institute Slovenia, Cyprus Pedagogical Institute, University of Tampere; organismos de políticas públicas de educación Consellaría de Educaciónda Xunta de Galicia, Ministerio de Educacion, Ciencia e Deporte de Eslovenia, Haninge Kommun-SE, Department of Education and Skills; e empresas do sector educativo como Go! e H2 Learning.

The contents of this page were updated on 06.14.2019.