Skip to main content

Os decanos das facultades galegas de Económicas e Empresariais perfilan o luns 17 en Lugo a Olimpíada Galega de Economía

A reunión, que se desenvolverá na Facultade de ADE a partir das 13.00 horas, servirá para analizar a situación dos estudos de Ciencias Económicas e Empresariais

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo acubillará o vindeiro luns, día 17 de febreiro de 2014, unha xuntanza de traballo na que participarán os decanos/as das cinco facultades de Economía e Ciencias Empresariais do Sistema Universitario Galego (SUG), emprazadas nos campus de Vigo, Ourense, A Coruña, Compostela e Lugo.

A sesión, que comezará a partir das 13.00 horas, terá lugar no decanato da Facultade de ADE do campus de Lugo. O obxectivo desta xornada é definir aspectos relativos á próxima edición da Olimpíada Galega de Economía, un certame dirixido a estudantes de ensino secundario e Bacharelato de toda Galicia e que, previsiblemente se celebrará ao longo do mes de abril, segundo indicou a decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo.

Begoña Barreiro comentou asemade que esta xuntanza de decanos servirá para compartir reflexións e intercambiar visións sobre a situación actual dos estudos superiores de Economía e Empresa, así como respecto das súas perspectivas para o futuro.

The contents of this page were updated on 02.14.2014.