Skip to main content

A fase galega da V Olimpíada de Xeoloxía cita este martes na USC arredor de 200 estudantes de secundaria e Bacharelato

Esta actividade educativa busca espertar o interese da mocidade pola Xeoloxía e as Ciencias da Terra ao tempo que destaca a importancia de preservar o medio natural

A celebración da fase autonómica da V Olimpíada de Xeoloxía citará este martes, día 18 de febreiro, nos campus de Lugo e de Compostela arredor de 200 estudantes de secundaria e Bacharelato.

Este certame, promovido polo Colexio de Xeólogos, a Sociedade Xeolóxica Española e a Asociación Española para a Ensinanza das Ciencias da Terra, terá como sedes nesta edición, a Facultade de Bioloxía de Compostela, a Escola Politécnica Superior de Lugo e a Escola de Minas de Vigo, que serán os espazos nos que se desenvolvan as distintas probas programadas na V Olimpíada de Xeoloxía, unha cita que rexistra un sensible aumento de participantes respecto de edicións anteriores. Os obxectivos desta actividade educativa, en cuxa organización colaboran de xeito activo a Vicerreitoría de Estudantes, Cultura e Formación Continua, o programa ‘A Ponte’ e o departamento de Edafoloxía e Química Agrícola da USC, pasan por espertar no estudantado preuniversitario o interese polos contidos propios da Xeoloxía e do conxunto das Ciencias da Terra, ademais de fomentar novas vocacións universitarias neste campo do saber e de salientar a importancia da preservación do medio natural. A decana da Facultade de Bioloxía, María Luz González, e o coordinador do programa ‘A Ponte’, Luis Hervella, darán a benvida dos estudantes inscritos para participar na V Olimpíada de Bioloxía no campus compostelán, onde o vicerreitor de Estdudantes, Cultura e Formación Continua da USC, Francisco Durán, tamén participará no acto de clausura e entrega de premios. O director da Escola Politécnica Superior, Javier Bueno, e os profesores deste centro universitario lugués, Esperanza Álvarez e Javier López, darán a benvida este martes, ás 11.30 horas, aos preto de 50 estudantes inscritos para completar na EPS as probas teóricas e prácticas da fase autonómica da V Olimpíada de Xeoloxía, un abano de actividades que se prolongará en quenda de tarde e que tamén inclúe a visita ás instalacións do centro universitario lugués. Unha vez rematado o programa de actos deseñado, o salón de actos da Escola Politécnica Superior acubillará, a partir das 18.30 horas, a cerimonia de entrega de agasallos aos participantes e premios para os gañadores no marco dun acto no que tamén participará o vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón. Os/as tres gañadores/as da fase galega da V Olimpíada de Xeoloxía poderán participar na fase estatal deste certame, cuxas probas se celebrarán o 29 de marzo en Toledo, de onde sairá a selección de estudantes que participará na fase internacional da Olimpíada de Xeoloxía, un certame que se celebrará en xullo na cidade estadounidense de Vermont.

The contents of this page were updated on 02.17.2014.