Skip to main content

Volven soar no Paraninfo da Universidade os acordes do Ciclo de Novos Intérpretes

A frautista compostelá Helena Orriols inaugura no Auditorio da Universidade a décimo sexta edición deste certame

A frautista compostelá Helena Orriols inaugura este martes 28 a décimo sexta edición do Ciclo de Novos Intérpretes da Asociación Galega de Lírica Teresa Berganza, cun concerto ás 20.00 horas no Paraninfo da Universidade, na Facultade de Xeografía e Historia. Alumna de Carmen Ferreiro no Conservatorio Profesional de Música de Santiago, onde estuda o sexto curso, interpretará unha obra para frauta soa de Johann Sebastian Bach (a súa Partita para frauta BWV 1013) e a unha infrecuente obra do compositor francés Paul Taffanel titulada Andante Pastoral et Scherzettino, na que estará acompañada ao piano pola profesora rusa afincada en Santiago Vera Pavlova. Na segunda parte, o protagonista será o trompetista de Touro, vila na que comezou a estudar na escola municipal, Raúl Ramos Fernández. Músico xa cunha destacada experiencia a pesar da súa mocidade –é membro da Orquestra Nova da Sinfónica de Galicia e formou parte da Joven Orquestra Nacional de España (JONDE) e das orquestas mozas de Castellón e Granada– interpretará obras de tres compositores: do mestre do clasicismo Joseph Haydn, do contemporáneo suizo Arthur Honegger e do compositor e director francés, recoñecido como o primeiro virtuoso cornetista, Jean-Baptiste Arban. Para rematar o concerto, presentarase o Diabolous Quartet, un cuarteto de cordas formado por catro novas alumnas do Conservatorio Superior de Música de Vigo: as violinistas Patricia Túñez e Aina Llop, a violista Sofía Rodríguez e a violoncellista Sandra Carballo. Este novo cuarteto recentemente creado o pasado ano 2013, interpretará o cuarteto nº9 de Wolfgang Amadeus Mozart. Coa colaboración da Universidade de Santiago, este certame alcanza a súa edición número dezaseis o que o converte no certame galego máis antigo en activo especialmente dedicado aos/ás máis novos/as intérpretes galegos e residentes en Galicia para que comecen a adquirir a experiencia necesaria nun escenario. Quince anos de historia e case cincocentos participantes avalan a sólida traxectoria dunha convocatoria pensada en prol da difusión da música e para prestar un pequeno pero imprescindible apoio ao futuro da música en Galicia, aos novos valores. O programa do ciclo consta de nove concertos que se celebrarán ata o mes de marzo. Actuarán máis de trinta novos músicos galegos e residentes en Galicia, nunha serie de concerto que comezarán ás 20.00 horas e nos que a entrada, como sempre, será libre. A próxima cita será o día 10 de febreiro da man de Lois Freire, Celia Adrián e Gonzalo Álvarez.

The contents of this page were updated on 01.28.2014.