Skip to main content

Casares apela á recuperación dos valores éticos da Universidade para mellorar o benestar e as condicións de vida da humanidade

O reitor Juan Casares preside o acto academico da festividade de San Tomé, en Humanidades
O reitor Juan Casares preside o acto academico da festividade de San Tomé, en Humanidades
O reitor da USC presidiu este luns o acto académico conmemorativo da festividade de San Tomé de Aquino na Facultade de Humanidades do campus de Lugo

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares Long, presidiu este luns o acto académico de San Tomé, patrón da Universidade, na Facultade de Humanidades do campus de Lugo, onde instou no seu discurso a recuperar os valores éticos do mundo académico para controlar as forzas da globalización e, a partir do compromiso e da mellora das relacións co entorno máis próximo, contribuír a mellorar as condicións de vida de toda a humanidade.

Casares animou á Universidade a asumir a responsabilidade moral que corresponde para garantir que os estudantes estean preparados para transformar un contexto en permanente evolución. Para acadar este obxectivo, Casares apela ao uso das novas tecnoloxías, unha ferramenta esencial para darlle sentido á conectividade dunha sociedade global, a cuxas necesidades non se pode dar resposta coa estrutura da educación tradicional. Se queremos que a Universidade do futuro sexa quen de responder ás forzas da globalización, que se ben permitiu un extraordinario crecemento económico, tamén trouxo maiores desigualdades entre nacións e pobos, debemos facer chegar a nosa voz, os valores éticos propios e os nosos recursos ao fin de ampliar a responsabilidade que asumimos con este compromiso, salientou o reitor da Universidade de Santiago. Casares Long apuntou no seu discurso do acto académico de San Tomé de Aquino a globalización, que incorporou mobilidade de investigadores, docentes e estudantes, así como unha maior competencia no mercado de títulos, e o acelerado crecemento da economía do coñecemento nun ámbito único que é o mundo, como dous dos elementos que máis teñen mudado na actualidade os roles da Universidade. As universidades víronse implicadas nos últimos anos no desempeño de cometidos cada vez máis variados e, con frecuencia, con menos recursos. Hoxe en día, as institucións académicas transmiten coñecemento e forman cidadáns responsables, impulsan a innovación social, difunden cultura e valores, favorecen a mobilidade social, equidade, solidariedade e contribúen ao desenvolvemento económico e á internacionalización, ao tempo que contribúen ao bo goberno e á calidade da democracia, concluíu Casares. Antes da intervención do reitor e logo de que o grupo vocal ‘Solo Voces’ interpretara o Veni Creator, o catedrático do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá da Universidade de Santiago de Compostela, José Manuel Oro Cabanas, pronunciou unha lección maxistral que se desenvolveu baixo o título ‘Ensinanza/aprendizaxe da lingua inglesa. Tradición e modernidade’. O profesor Oro Cabanas, expuxo na súa intervención o xeito de acercarse a un proceso teórico e práctico do entendemento da linguaxe e ao sistema de ensinanza/aprendizaxe de aspectos concretos do mesmo, mediante o apoio dunha das actividades empregadas desde os métodos tradicionais ata a actualidade. Oro Cabanas destacou asemade as posibilidades que representan as novas tecnoloxías como método definitivo e impulsor dunha lingua común para unha parte ou para toda a cidadanía do mundo, sexa esta o español ou o inglés. O acto académico de San Tomé de Aquino, un acto que tradicionalmente celebra a Universidade de Santiago de Compostela no campus de Lugo, congregou este luns na Facultade de Humanidades un bo número de autoridades académicas, políticas e militares, así como a representantes do tecido empresarial e doutros eidos sociais. Esta cerimonia foi asemade o primeiro acto oficial no que participa o novo presidente do Consello Social da USC, José María Arias Mosquera, que sucede no cargo a Manuel Puga Pereira. Autoridades académicas, e empresarios asistentes ao acto de San Tomé de Aquino Autoridades e cargos políticos presentes na cerminoia académica delebrada en Humanidades O catedrático José Manuel Oro Cabanas, na exposición da súa lección maxistral

The contents of this page were updated on 01.27.2014.