Skip to main content

A nova sede da Aula de Produtos Lácteos da USC triplica a superficie da área tecnolóxica que ten o centro na actualidade

Antuña, Casares e Méndez Dónega, na presentación das instalacións da nova sede da Aula de Produtos Lácteos da USC
Antuña, Casares e Méndez Dónega, na presentación das instalacións da nova sede da Aula de Produtos Lácteos da USC
O reitor Juan Casares presentou as novas instalacións da APL nun acto institucional no que adiantou que boa dos equipamentos xa están mercados ou en fase de licitación

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela, Juan Casares, presentou este mércores as instalacións da nova sede de Aula de Produtos Lácteos (APL), un moderno complexo edificado no polígono lugués de Sanfiz que conta cunha superficie útil de 2.528 metros cadrados e permite máis que triplicar a superficie da área tecnolóxica coa que conta a APL na súa situación actual , no transcurso dun acto institucional no que participaron representantes das distintas institucións políticas locais, provinciais e autonómicas, así como nutrido grupo de empresarios, ademais de profesores e investigadores do campus lugués.

O reitor Juan Casares destacou na súa intervención a amplitude e as prestacións que ofrece a nova sede deste centro de investigación da USC, un complexo que nos vindeiros meses contará cunha moderna planta piloto na que se poderán desenvolver a maior parte dos procesos de elaboración e transformación de produtos relacionados co sector leiteiro. Casares subliñou a que boa parte dos novos equipamentos científicos e tecnolóxicos cos que contará proximamente a Aula de Produtos Lácteos do campus de Lugo xa están mercados, mentres que outros están en fase de licitación. A presentación destas novas instalacións son o froito dun compromiso cumprido logo de non poucas dificultades e grazas á sensibilidade e á colaboración amosada polas distintas administracións públicas e tamén polo persoal da propia APL e do conxunto da Universidade de Santiago, salientou Casares, para logo subliñar que un dos grandes méritos da Aula de Produtos Lácteos é que foi quen de medrar en compañía do sector empresarial O presidente da Organización Interprofesional Láctea (Inlac) e director xeral de Feiraco, José Luis Antuña fixo especial fincapá na colaboración sostible mantida pola APL coas empresas do sector leiteiro, no que “este centro da USC xa se ten convertido nun centro de referencia e goza dun gran e merecido prestixio”, sinalou. Antuña, que entende que se Galica non contara cun cento de investigación das características da Aula de Produtos Lácteos estaría obrigada a creala, arengou ás empresas do sector leiteiro a aproveitar e facer uso das prestacións que ofrece a APL. O presidente da Organización Interprofesional Láctea sinalou asemade que a partir do ano 2015, coa supresión do sistema de cotas de produción leiteira, a innovación e a tecnoloxía son as únicas vías para acadar valor engadido. Esta realidade acada especial importancia no caso de Galicia, que aporta o 40% da produción de leite en España O profesor do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da USC e director da Aula de Produtos Lácteos, Juan Méndez Dónega, manifestou na súa intervención as múltiples vantaxes que depara a nova sede da APL para o desenvolvemento de actividades de I+D+i, tanto en produtos lácteos como noutros alimentos nos que se empreguen tecnoloxías afíns ás da industria leiteira. As actividades que se poderán desenvolver na nova sede da Aula de Produtos Lácteos da USC son múltiples nesta nova etapa, dixo Méndez Dónega. Este lembrou que a APL que vén de conmemorar no 2013 o vixésimo aniversario da súa fundación, asinou o ano pasado preto de 100 contratos con empresas privadas, cos que xerou unha facturación aproximada de 600.000 euros. Proceso de transformación e apertura do centro a outros investigadores Méndez Dónega adiantou asemade que a Aula de Produtos Lácteos da USC presentará nas vindeiras datas ante os órganos universitarios correspondentes o seu proxecto para constituírse nun centro propio da Universidade de Santiago, un centro, que, segundo remarcou, “terá as portas abertas a grupos de investigación en todos os eidos do coñecemento, pois necesitamos compañeiros de viaxe en economía, enxeñaría, fundamentos, análise, tecnoloxías da información...”. Respecto das posibles vías de colaboración entre a Aula de Produtos Lácteos da USC e o Centro Tecnolóxico Alimentario (Cetal), cuxas sedes están na emprazadas a escasos metros de distancia, Méndez Dónega manifestou a súa vontade de “crear interaccións beneficiosas para ambas partes, unha converxencia que podería rematar na fusión”, dixo, ao tempo que lembrou que logo de varios anos en silencio á espera de coñecer o futuro da APL, “agora xa non podemos agardar máis. O director da APL expresou o seu agradecemento a todas as persoas, entidades e empresas que permitiron facer realidade o proxecto da nova sede da Aula de Produtos Lácteos da USC, unha construción desenvolvida por Tragsa e cuxa autoría do seu proxecto corresponde ao arquitecto Santiago Catalán. As únicas críticas feitas por Méndez Dónega atinxen á progresiva perda de recursos humanos rexistrada na APL nos últimos anos, unha realidade que, segundo remarcou, non produciron merma algunha de actividade nin afectou as resultados económicos do centro. Aínda así, Méndez Dónega insistiu en que a posta en marcha destas novas instalacións, ás que proximamente se trasladará todo o equipamento técnico co que xa conta a APL na súas actuais dependencias, un complexo anexo ao Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, fará precisa a disposición de máis recursos humanos. Asemade, Méndez Dónega comentou que este proceso de traslado de material e equipamento suporá un cese na actividade da Aula de Produtos Lácteos durante un período mínimo de dous meses. Área de tecnoloxía agroalimentaria As dependencias destinadas á Área de Tecnoloxía Agroalimentaria, que ocuparán preto de 1.800 metros cadrados da planta baixa da nova sede, que contempla tamén un semisótano de pouco máis de 70 metros cadrados e unha entreplanta na que estarán emprazados catro laboratorios (laboratorio instrumental, laboratorio de propiedades físicas, laboratorio físico-químico e laboratorio de microbioloxía), está chamadas a ser o centro de operacións da Aula de Produtos Lácteos. Esta área tecnolóxica engloba as isntalacións precisas para poder realizar a maior parte dos procesos de elaboración e transformación relacionados co sector leiteiro. Neste senso, cómpre lembrar que se implementan catro liñas de fabricación principais a escala piloto: Liña de tratamentos térmicos UHT, liña de queixería, liña de produtos fermentados e liña de evaporación e secado. A área tecnolóxica alimentaria da nova sede da Aula de Produtos Lácteos, na que tamén se contempla equipamento para elaborar produtos alimentarios como mantequilla, xeados ou, entre outros, produtos de panificación, estará formada por 14 salas de proceso destinadas ao procesado de alimentos e unha área de análise sensorial equipada con sala de cata. Complétanse as dependencias con salas de refrixeración e cámaras de conxelación, refrixeración, cociña, almacén, despachos e vestiarios. Representación institucional O acto de presentación das instalacións da nova sede da Aula de Produtos Lácteos da USC congregou nas instalacións radicadas nunha beira da Rúa Montirón, no treito que discorre polo polígono lugués de Sanfiz, un nutrido grupo de representantes políticos das distintas entidades e institucións políticas locais, provinciais e autonómicas que, dun xeito ou doutro, tiveron implicación neste proxecto. Os vicerreitores de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, e o adxunto de Investigación e Innovación, Pablo Ramil, tamén estiveron presentes neste acto, que congregou unha nutrida representación de docentes e investigadores do campus universitario de Lugo, ademais de empresarios do sector leiteiro. Comitiva que participou na visita ás instalacións da nova sede da APL Docentes, empresarios e representes políticos, na visita á sede da APL

The contents of this page were updated on 01.22.2014.