Skip to main content

Pasados incómodos, un ciclo de conferencias sobre a memoria en Historia no que, entre outros, participarán Garzón e Murado

Especialistas da historia, estudos culturais, socioloxía, xudicatura e do pensamento analizarán nos vindeiros meses na USC o pasado e a memoria, así como o seu tratamento presente no ciclo ‘Pasados incómodos: guerra, memoria e historia’ que organiza o grupo de investigación Histagra da USC. O encargado de inaugurar o ciclo o martes 21 será o escritor e especialista en política internacional Miguel Anxo Murado (Lugo, 1965), que ás 12.00 horas na Aula 14 da Facultade de Xeografía e Historia pronunciará a conferencia ‘República e guerra civil. A construción da memoria’. Murado é autor de máis de vinte libros de ficción e ensaio, entre os que destacan Outra idea de Galicia, que deconstrúe os mitos e tópicos historiográficos e populares que a envolven, e La invención del pasado. Verdad y ficción en la historia de España. O ciclo Á conferencia de Murado seguiralle outra do ex maxistrado Baltasar Garzón, que o 11 de febreiro falará na mesma facultade de ‘Verdade, xustiza e reparación’. Xermán Labrador, Ricardo Robledo, Anxo Loureiro e Jesús Izquierdo Martín completan o elenco de relatores que ata xuño deste ano achegarán novas perspectivas sobre o pasado incómodo e o seu tratamento actual. Histagra Un dos principais obxectivos de Histagra é o estudo do golpe de 1936, a Guerra Civil, o franquismo e a transición política en España, e neste marco se desenvolverá o ciclo de conferencias dando así continuidade á experiencia acumulada polo grupo de nomesevoces.net que en 2007 organizou o I Encontro de Grupos de Investigación: Historia e Memoria e en 2010 o Congreso Internacional: Memoria da Guerra, reconciliación e cultura de paz.

The contents of this page were updated on 01.17.2014.