Skip to main content

O II Bioblitz da Estación Científica do Courel amosa a riqueza da biodiversidade da zona a naturalistas a afeccionados de Galicia

Participantes no II Bioblitz Ancares-Courel
Participantes no II Bioblitz Ancares-Courel
O II Bioblitz da Estación Científica do Courel amosa a riqueza da biodiversidade da zona a naturalistas a afeccionados de Galicia

O II Bioblitz Ancares-Courel, unha actividade entendida como experiencia de turismo científico ou prospección intensiva da biodiversidade e promovida pola Estación Científica do Courel da USC deu a coñecer as singularidades que presenta a natureza nesta contorna de montaña da provincia de Lugo e as potencialidades da riqueza natural e paisaxística que agocha a preto de 40 naturalistas especialistas e afeccionados chegados de toda Galicia.

O director da Estación Científica do Courel, o catedrático da USC Antonio Rigueiro Rodríguez, foi o encargado de dar a benvida ás 38 persoas inscritas nesta iniciativa no marco dunha sesión de apertura na que tamén explicou os diversos itinerarios e actividades de campo programadas en distintas localizacións desta contorna montañosa ao longo dunha prospección intensiva de 24 horas.

O II Bioblitz Ancares-Courel, promovido pola USC en colaboración coa área de Turismo e Cultura da Deputación de Lugo, e o Concello de Folgoso do Courel, entre outras entidades e colectivos, permitiu tanto a naturalistas especialistas como afeccionados, así como outras persoas amantes da natureza, recoller e, posteriormente, achegar datos de interese para a ciencia e, sobre todo, de utilidade para a conservación da contorna natural courelá, logo de ser realizar unha prospección intensiva da zona.

As distintas observacións da flora e da fauna realizadas durante o día completáronse tamén xa sen luz do día coa observación de insectos nocturnos e morcegos. As intervencións efectuadas e sempre respectuosas co medio ambiente, permitiron ao público participante tomar fotografías e recoller datos e información que pasarán a formar parte dun inventario biolóxico fotográfico intensivo de flora, fauna e micobiota deste territorio excepcional, un material que está accesible para a súa consulta na plataforma naturalista de internet iNauralist.org, segundo explicou Julián Alonso, técnico da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC e membro da organización deste II Bioblitz Ancares-Courel.

Observación nocturna desenvolvida no marco desta iniciativa na serra courelá

The contents of this page were updated on 03.18.2021.