Skip to main content

O relator especial de Nacións Unidas Pablo de Greiff destaca o labor desenvolvido polo proxectos nomesevoces.net

O relator especial de Nacións Unidas para os Dereitos Humanos, Pablo de Greiff, acaba de rematar unha visita oficial a España na que mantivo diversos encontros con investigadores do grupo nomesevoces.net. O obxectivo desta viaxe era avanzar no desenvolvemento dun proxecto sobre a Promoción da verdade, a xustiza, a reparación e as garantías de non repetición. Concretamente, o relator reuniuse na Facultade de Xeografía e Historia con Lourenzo Fernández, Xurxo Pantaleón, Antonio Míguez e Gustavo Hervella, investigadores e ‘Nomes e Voces’, que lle explicaron as liñas que desenvolve o equipo ou o traballo realizado a partir das fontes consultadas. Segundo as observacións preliminares de Pablo de Greiff, o proxecto ‘Nomes e Voces’ logra poñer en coñecemento do público, a través “dunha excelente páxina na rede electrónica”, información catalogada e sistematizada sobre as vítimas da Guerra Civil en Galicia, incluíndo testemuñas de vítimas e familiares, documento e fotografías. O mesmo relator lamentou que non existan na actualidade “iniciativas similares a nivel estatal e non haxa suficiente coordinación con outras iniciativas do mesmo tipo” desenvolvidas noutras comunidades. Sinalou tamén que “todos estes proxectos adolecen de falla de recursos” engadindo que “os máis afortunados teñen sufrido recortes severísimos nos seus orzamentos”. O obxectivo da visita oficial do relator de Nacións Unidas era coñecer e valorar “as medidas adoptadas polas autoridades en relación coas graves violacións dos dereitos humanos cometidas durante a Guerra Civil española e a ditadura franquista, buscando ter unha visión ampla sobre as diversas iniciativas adoptadas en España, identificar boas prácticas e facer recomendacións para abordar os retos subsistentes”. En opinión de Pablo de Greiff, tomando en consideración a fortaleza das institucións e a ausencia de riscos para a estabilidade da orde democrática, “resulta especialmente sorprendente observar que non se teñan feito máis en favor dos dereitos das vítimas”.

The contents of this page were updated on 02.04.2014.