A USC celebra este xoves unha xornada de difusión da cultura emprendedora na Facultade de ADE do campus de Lugo
O programa Uniemprende, que engloba todas as estruturas de creación de empresas da USC, celebrará este xoves na Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo unha xornada de difusión da cultura emprendedora co gallo da convocatoria da décimo cuarta edición do Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC, un certame aberto á participación de toda a comunidade universitaria e a todas as áreas de coñecemento de calquera das universidades galegas. O XIV Concurso de Ideas Empresariais Innovadoras da USC, un concurso que outorgará 5 premios de 600 euros cada un aos autores das ideas galardonadas, ten por obxecto incentivar e recoñecer algún xeito o esforzo daquelas persoas ue presenten ideas innovadoras susceptibles de converterse en proxectos empresariais. O prazo de inscrición neste concurso universitario permanecerá aberto ata o vindeiro 14 de novembro e as persoas interesadas poden formalizar a súa solicitude cumprimentando o seguinte formulario de inscrición . A xornada de difusión da cultura emprendedora programada este xoves na Facultade de ADE pretende fomentar a participación do estudantado nesta nova edición do concurso de ideas empresariais innovadoras da USC, un certame cuxas bases están accesibles na web www.uniemprende.es, achegando ás propias aulas universitarias iniciativas empresariais promovidas por universitarios que fixeron realidade as súas ideas innovadoras. A primeira sesión das programadas na Facultade de ADE desenvolverase a partir das 11.00 horas cun relatorio sobre cultura emprendedora e sobre a traxectoria do programa Uniemprende da USC desde a súa posta en marcha. A xeito de complemento deste charla divulgativa e informativa, Mónica África Otero, da empresa Geneaqua, unha spin-off da USC, fará unha exposición sobre esta iniciativa empresarial convertida xa en realidade. Xa en quenda de tarde, a Facultade de ADE do campus de Lugo acubillará a partir das 16.00 horas, unha sesión de difusión da cultura emprendedora na que intervirán Rubén Pérez, de Galaicus Gourmet, e katie Phillips, de Don’t be a foreigner. Estas dúas empresas atópanse emprazadas no viveiro de empresas da Fundación CEL-Iniciativas por Lugo.