Unha xornada analizará casos de boas prácticas no desenvolvemento de proxectos de Aprendizaxe-Servizo na USC
Un seminario aborda este luns 24 casos de boas prácticas na USC respecto da implantación de proxectos de aprendizaxe-servizo (ApS) e en relación á empregabilidade. É unha acción dirixida a docentes que lideran diferentes proxectos de ApS na USC así como a diferentes entidades da contorna. O fin desta iniciativa é establecer un espazo no que se poidan presentar as diferentes propostas de ApS actualmente en marcha para reflexionar sobre novas vías de traballo e continuar formulando proxectos de calidade. Na sesión da tarde, desenvolverase un espazo vinculados ás entidades do terceiro sector na procura do establecemento dun diálogo e o correspondente debate.
A USC está a consolidar o proceso de implementación da metodoloxía da aprendizaxe-servizo nos estudos superiores a través tanto da investigación, liderada polo grupo de investigación ESCULCA, como pola propia acción mediante o desenvolvemento, por exemplo, da cuarta convocatoria de Proxectos de Innovación Educativa en Aprendizaxe-Servizo, coordinada dende a Vicerreitoría de Organización Académica a través do Centro de Tecnoloxías para a Aprendizaxe. Neste contexto o Servizo de Participación e Integración Universitaria encárgase de establecer as pontes entre os axentes do terceiro sector da contorna dos campus de Santiago e Lugo e os grupos de docentes implicados no desenvolvemento de proxectos de ApS nos diferentes graos ofertado pola nosa universidade.
Programa
A inauguración da xornada celebrouse na Facultade de Filosofía coa intervención das vicerreitoras de Organización Académica, Celia Besteiro, e de Comunicación, Cultura e Servizos, Mar Lorenzo, e do decano do centro, Marcelino Agís. Deseguido, a orientadora da Área de Orientación Laboral e Emprego da USC Celia Conde Pumpido pronunciou unha conferencia sobre a relación entre aprendizaxe-servizo e empregabilidade. Entre as 12.00 e as 14.00 horas están previstas dúas mesas para presentar distintas experiencias nos ámbitos da Educación e no das Ciencias Sociais.
Pola tarde, o programa comeza ás 16.00 horas coa presentación de pósteres e continuará cun panel de experiencias das entidades sociais para analizar o papel do alumnado dos proxectos de ApS nas entidades do terceiro sector. Intervirán representantes de Farmamundi, Solidariedade Internacional-Galicia, a Asociación Recreativa Cultural ‘Os Tilos’ e Alume. A xornada completarase con outras dúas mesas nas que se compartirán as experiencias desenvolvidas en Educación e Enxeñaría e en Ciencias da Saúde.