Skip to main content

Premian a investigadores de Química Analítica da USC por un estudo sobre detección de contaminación microbiana en produtos de coidado persoal

Susana Manrique, delegada de Sigma-Aldrich Química, fixo entrega do diploma acreditativo do premio a Gerardo Alvarez nas dependencias do Laboratorio na USC
Susana Manrique, delegada de Sigma-Aldrich Química, fixo entrega do diploma acreditativo do premio a Gerardo Alvarez nas dependencias do Laboratorio na USC

O grupo de investigación do Laboratorio de Investigación e Desenvolvemento de Solucións Analíticas da USC (LIDSA) acaba de ser recoñecido coa sétima edición do Premio do Club de Usuarios de SPME, que patrocina Sigma Aldrich en España. O premio destacou un dos traballos do grupo centrado na identificación de marcadores volátiles para a detección de contaminación microbiana en produtos de coidado persoal. Concretamente, o galardón foi entregado a Gerardo Álvarez Rivera, que realiza a súa tese de doutoramento baixo a dirección das profesoras María Llompart e Marta Lores. O traballo de Álvarez Rivera foi publicado tamén nunha edición especial sobre ingredientes cosméticos na revista Analytical Methods (Royal Society of Chemistry). Esta é a segunda ocasión que este laboratorio do Departamento de Química Analítica, Nutrición e Bromatoloxía da USC recibe este premio, do que tamén foi merecedor en 2010. O galardón recoñece o alto nivel científico do grupo LIDSA, cuxos membros manteñen unha afianzada traxectoria no desenvolvemento de novos métodos de preparación de mostra e de análise baseados en técnicas analíticas sustentables nas que se elimina ou minimiza a utilización de disolventes contaminantes. Pola súa traxectoria, o Premio destaca o labor de investigadores españois no campo da Microextracción en Fase Sólida (coñecida polas súas siglas en inglés, SPME), técnica analítica revolucionaria inventada hai 20 anos polo profesor da Universidad de Waterloo (Canadá) Janusz Pawliszyn e considerada como un dos fitos do século en Química Analítica. Este novo premio recoñece o nivel científico do LIDSA

The contents of this page were updated on 01.09.2014.