A biotecnoloxía aplicada á conservación das plantas ameazadas centra este mércores unha xornada divulgativa en Padrón
A biotecnoloxía aplicada á conservación das plantas ameazadasserá o tema de debate este mércores 15 de outubro en Padrón, no marco das xornadas de divulgación científica A conservación do medio natural, tarefa común, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela en colaboración con Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela.
A profesora do Departamento de Fisioloxía Vexetal e decana da Facultade de Bioloxía da USC, Mª Luz González Caamaño, e Anali Lizárraga Farfán, doutoranda no mesmo departamento, serán as dúas relatoras que abordarán esta temática en dúas sesións, que serán moderadas polo xornalista e subdirector de El Correo Gallego, José Antonio Pérez Docampo. A sesión matinal desenvolverase a partir das 11.00 horas no IES Macías o Normado e estará dirixida ao estudantado de ensino secundario deste centro educativo, así como do IES Camilo José Cela. Xa en quenda de tarde, no Auditorio da Fundación Camilo José Cela, a partir das 20.00 horas, celebrarase outra sesión coa mesma temática e os mesmos relatores, que será aberta ao público interesado de Padrón e dos concellos limítrofes.