Skip to main content

Últimas prazas para cursar o I Máster en Industria Musical da USC

Detalle dun experimento de latencia cero feito entre a Facultade de Comunicación e a Cidade da Cultura
Detalle dun experimento de latencia cero feito entre a Facultade de Comunicación e a Cidade da Cultura

O alumnado do I Máster en Industria Musical da USC conformará unha nova xeración de profesionais capacitados para a xeración de activos, a creación de valor engadido e a xestión de recursos artísticos e loxísticos na industrial musical. O seu director, o profesor Xaime Fandiño, destaca a boa aceptación que espertou este posgrao á vista do número de matriculas rexistradas. O máster ten “vocación atlántica, queremos ter alumnado e Galicia pero tamén de América, pois existe un enorme mercado nos países iberoamericanos que é unha oportunidade para a industria musical galega”, asegura Fandiño. O prazo de preinscrición remata o próximo 31 de outubro. O programa académico deseñado oriéntase á capacitación de profesionais para atender todos os ámbitos da industria musical. Abordará os aspectos artístico, estético, sonoro, loxístico, de xestión, produción e comercialización da industria musical actual. No seu desenvolvemento, o máster contará coa participación activa de músicos, mánagers, produtores, compositores, promotores e xestores dos diferentes subsectores da industria musical. Así, o alumnado poderá coñecer de primeira man a experiencia de reputados profesionais e artistas da industria e servirá para establecer accións de networking pensadas para favorecer a inserción laboral dos titulados/as. Este contacto directo facilitará tamén a orientación do estudantado en función dos seus intereses cara a unha carreira nas áreas artísticas ou de xestión. En opinión do seus promotores, este posgrao resulta idóneo para titulados en Ciencias da Información, Comunicación Audiovisual, Belas Artes, Historia da Arte ou Ciencias Económicas e Empresariais, entre outras. Os titulados/as en conservatorios superiores de música teñen tamén neste máster unha proposta académica con saídas profesionais na industria musical, así como a docencia e a investigación en música popular contemporánea, dentro da área internacionalmente coñecida como popular music studies. O I Máster en Industria Musical é unha iniciativa do equipo de investigación Canal Campus, un grupo multidisciplinar de docentes, investigadores e profesionais que aspira a facer da música unha saída profesional sustentable.

The contents of this page were updated on 10.15.2014.