Skip to main content

Unha tese profunda na construción dos textos do cantautor cubano Silvio Rodríguez

Este traballo de investigación pretendía entender a construción dos textos do cantautor
Santiago de Compostela

O sentimento, e máis concretamente o amor, é a matriz de case a totalidade dos textos do cantautor cubano Silvio Rodríguez, en harmonía coa tradición da canción cubana. Esta é a conclusión á que chega Leticia Carrera Pérez na súa tese ‘Silvio Rodríguez: contra la cristalización del gusto y de las ideas’, cualificada sobresalienta cum laude e dirixida polo profesor Elías J. Torres. Este traballo de investigación pretendía entender a construción dos textos do cantautor cubano, tamén na súa eventual relación cos campos política e económico, social, cultural e ideolóxico cubanos nos que son publicados, prestando tamén atención a fenómenos e procesos de índole internacional ou mundial.

Segundo a doutora Carrera Pérez, os textos de Silvio Rodríguez caracterizaríanse igualmente polo diverso enfoque, en diálogo con innovacións nos campos literarios cubano e latinoamericano, fundamentalmente; o matiz ideolóxico, o carácter de proposta; a variación de perspectivas e polisemia ou a resposta a circunstancias sociais de cada momento. Segundo a investigadora, este conxunto de particularidades resultan “chave no devir da obra e posición do autor” ao tempo que o manteñen “nunha posición central ao longo de máis de cincuenta anos de produción poético-musical”.

A investigadora partía da hipótese de que “o trovador cubano ten sido en moitas ocasións entendido como innovador, complexo e hermético e tamén como elaborador e transmisor de ideas de diverso tipo, inmerso, igualmente no proceso revolucionario cubano”. Como membro dunha ‘Nueva Trova’ , “enmarcase na ruptura de moldes tradicionais sendo, ao mesmo tempo, parte dun continuum compositor de Cuba en campo como o poético e o subcampo da canción de autor, inmersos en modificacións importantes en diversas realidades nos anos sesenta e seguinte”, engade Leticia Carrera. A partir desta reflexión, a investigadora busca profundar sobre as chaves da construción textual do músico, de xeito que poidan axudar a explicar a súa “constante atracción popular e a súa singularidade no intersistema da canción latinoamericana contemporánea para gañar esa permanencia e audiencia notables e duradeiras no tempo para diversas xeracións”.

The contents of this page were updated on 01.03.2020.