Analizan nun simposio a figura da filósofa alemá Hannah Arendt
Recoñecidos especialistas españois e alemáns no ámbito político-filosófico e literario da obra de Hannah Arendt daranse cita esta semana nas Facultades de Filoloxía e Filosofía para analizar a figura de Hannah Arendt, filósofa e socióloga alemá cunha transcendente traxectoria no pensamento da acción política. Entre eses expertos destaca a participación no seminario de Wolfgang Heuer, un dos máis importantes estudosos na obra e figura da filósofa, que pronunciará o xoves 16 ás 10.30 horas no salón de graos de Filoloxía a conferencia inaugural logo do acto de apertura no que interveñen os decanos de Filoloxía e Filosofía, María José López e Rafael Martínez; o director do encontro, Jaime Feijoo; e a directora do Departamento de Filoloxía Inglesa e Alemá, Cristina Mourón. O tema central deste seminario hispano-alemán é o pensamento interdisciplinar de Hannah Arendt e os problemas derivados da súa condición ‘bilingüe’ no contexto da tradución e recepción da súa complexa obra, que aborda cuestións políticas, filosóficas, históricas e literarias desde múltiples perspectivas. “Os seus enunciados filosóficos sobre a finalidade en si mesma da acción política só se entenden, por exemplo, considerando as súas análises políticas e, do mesmo xeito, as súas teses sobre o xuízo político a partir de Kant só son comprensibles se as relacionamos coas reflexións sobre o significado de persoa e personalidade apuntadas na súa biografía de Rahel Varnhagen (1958) ou en Hombres en tiempos de oscuridad (1968)”, apunta Feijoo. Para o director do seminario hai tamén que destacar o “pensamento poético” da filosofía de Arendt, que sitúa no umbral entre filosofía e literatura, “con moitas similitudes co de Walter Benjamin, Karl Kraus e Martin Heidegger, e que mostra a súa proximidade a artistas e escritores como Kafka, Brecht, Hermann Broch e Uwe Johnson”. Outra cuestión a tratar no encontro é o da tradución da obra da autora, que normalmente chega ao español directamente do inglés ignorándose normalmente as versións alemás. O seminario, organizado polo grupo de investigación LITLINAL trasladará as súas sesións o venres á Facultade de Filosofía –onde intervirá outra recoñecida experta española na materia, Fina Birulés– e o sábado á Casa de Europa. Hannah Arendt De orixe xudía, Hannah Arndt naceu en Hannóver (Alemaña) en 1906 e finou en 1975 en Estados Unidos, país no que se nacionalizou fuxindo da Guerra. Estudou filosofía na Universidade de Marburgo con, entre outros, Jaspers e Heidegger, con quen mantería unha relación que remataría cando o filósofo alemán ingresa no partido nazi. Do seu pensamento filosófico destaca unha visión plural e aberta da política e o rexeitamento de todos os totalitarismos, achegas que a elevaron a recibir distintos premios como o Lessing en 1959 e o Sonning en 1975. Da súa obra destacan as publicacións As orixes do totalitarismo, A condición humana, Sobre a revolución e A crise da república.