Skip to main content

Familia, muller, mobilidade social, vellez ou sexualidade, cuestións a tratar no VII Seminario do Obradoiro de Historia Moderna

O grupo de investigación de Historia Moderna da USC organiza esta semana o VII Seminario do Obradoiro de Historia Moderna, nesta ocasión arredor das novas tendencias da demografía histórica en Europa. “En contra do que soe pensarse –explica o director do grupo, o profesor Isidro Dubert– a mencionada demografía histórica explícase a partires da Historia Social, de aí que os temas a desenvolver estean centrados na familia, na muller, a mobilidade social ou na sexualidade”. O seminario, a celebrar este xoves 23 e o venres 24 no Salón de Actos da Facultade de Filosofía, acollerá relatorios sobre o papel do padroádego na época moderna, a emigración, a vellez, as migracións campo-ciudade, as relación familiares, a ilexitimidade, as redes sociais ou a historia da muller da mans de destacados especialistas procedentes da Escola de Altos Estudos en Ciencias Sociais de París e das Universidades de Rouen, Ca' Foscari di Venezia, Zaragoza, Castela-A Mancha, Sorbonne-París IV, Minho, País Vasco-EHU e da Universidade de Santiago. A asistencia ao encontro ten un recoñecemento de 10 horas de actividades formativas no Programa de Doutoramento de Historia, Xeografía e Historia da Arte. O grupo

O Grupo de Investigación de Historia Moderna está composto por 17 persoas que desde hai máis de 30 anos se ocupan de investigar as máis variadas facetas da historia de Galicia na época moderna. Durante este longo período de tempo o grupo atendeu o estudo do relativo á demografía e historia da poboación, historia cultural e das mentalidades, social, militar, da familia, das migracións, da relixiosidade e da Igrexa, das mulleres ou da administración e as institucións.

The contents of this page were updated on 10.21.2014.