Skip to main content

Máis de 100 estudantes de 16 países de Europa, América e Asia cursan estudos de grao e posgrao no campus de Lugo

Fernández, Taboada, Silva, Basadre, Bueno, Salgado e Outeiro, na sesión de benvida a estudantes internacionais
Fernández, Taboada, Silva, Basadre, Bueno, Salgado e Outeiro, na sesión de benvida a estudantes internacionais
A Facultade de ADE acolleu este xoves un encontro cos alumnos estranxeiros no campus de Lugo, que recibe o 10% do estudantado internacional da USC

Os centros universitarios do campus de Lugo recibiron este curso un total de 102 novos estudantes de grao e posgrao estranxeiros, procedentes dun total de 16 países de Europa, Latinoamérica e Asia, segundo se puxo de manifesto na recepción ao estudantado estranxeiro celebrada este xoves na Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo, un acto durante os que o estudantado foráneo recibiu cumprida información sobre o amplo abano de programas e servizos que lles ofrece a USC no campus de Lugo, así como da oferta cultural e lúdica promovida polo Concello e a Deputación Provincial de Lugo.

A maioría, en concreto 54, dos estudantes internacionais chegados á sede universitaria luguesa a comezos do actual exercicio académico, recalaron neste campus da USC a través dos distintos convenios bilaterais que mantén a universidade compostelá con outras institucións académicas de todo o mundo. Outros 33 alumnos/as estranxeiros están a ampliar a súa formación universitaria no campus de Lugo con bolsas do programa de mobilidade universitaria Erasmus, mentres que 12 universitarios/as latinoamericanos/as son beneficiarios do programa Ciencias Sen Fronteiras. Asemade, os programas Erasmus Mundus tamén posibilitaron este curso a chegada de tres estudantes ao campus de Lugo. Respecto da procedencia do estudantado estranxeiro que formalizou este curso a súa matrícula nalgún dos títulos de grao ou posgrao impartidos en Lugo, 66 proceden de Latinoamérica, mentres que 33 son de países do continente europeo e outros 3 chegan a Lugo desde Asia. A comunidade estudantil estranxeira máis numerosa no campus de Lugo é a de México, con 37 estudantes. Italia (22), Brasil (17), Alemaña (4), Chile (4) Arxentina (3), Colombia (3), Reino Unido (3), Venezuela (2), completan a lista países estranxeiros representados este curso entre o estudantado do campus de Lugo, no que tamén contan con cadanseu estudante Francia, Irlanda, Polonia, Portugal, Indonesia, Siria e Bangladesh. A Facultade de Veterinaria, con 31 estudantes estranxeiros, é o centro universitario do campus de Lugo cun maior grao de internacionalización entre o estudantado, seguida da Escola Politécnica Superior, que formalizou a matrícula de 23 estranxeiros. A Facultade de Administración e Dirección de Empresas (21), as facultades de Ciencias (15) e Humanidades (8), xunto coas escolas universitarias de Relacións Laborais (2) e Enfermaría (2) completan a distribución do alumnado internacional que está a recibir formación universitaria no campus de Lugo, cuxas escolas e facultades reciben o 10% do estudantado internacional que recibe a USC. O vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo, Javier Bueno Lema; o vicerreitor de Internacionalización da USC, Carlos Alberto Salgado; a vicerreitora e Servizos Universitarios do campus de Lugo, María do Carme Silva Domínguez; o vicedecano da Facultade de ADE, Fernando Losada, deron este xoves a benvida aos estudantes internacionais chegados este curso ao campus lugués, e o coordinador do Centro de Linguas Modernas da USC en Lugo, Manuel Fernández. A concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carme Basadre, e o deputado delegado da área de Cultura e Turismo da Deputación Provincial de Lugo, Mario Outeiro, tamén participaron neste acto.

The contents of this page were updated on 10.02.2014.