Skip to main content

As xornadas sobre ‘Cultura emprendedora e emprego xuvenil’ profundan nos aspectos teóricos e prácticos do emprendemento

As Xornadas sobre cultura emprendedora e emprego xuvenil profundarán nos aspectos teóricos e prácticos do emprendemento xuvenil nun encontro que se celebrará na facultade de Dereito este mércores 24 e o xoves 25. Esta é unha actividade organizada por un grupo de investigadores novos pertencentes ás facultades de Dereito e Relacións Laborais ao abeiro do programa Iniciativa Xove. O desenvolvemento do programa reunirá a docentes e investigadores das universidades de Almería, Complutense de Madrid así como da propia USC, xunto con profesionais do Dereito e investigadoras novas. A súa presenza permitirá abordar dende unha perspectiva multidisciplinar as recentes medidas lexislativas aprobadas no eido do emprendemento. Así, impartiranse unha serie de conferencias que, dende o eido laboral, fiscal, mercantil e administrativo, avalían as recentes reformas xurídicas levadas a cabo, coa fin de que os futuros emprendedores se informen das vantaxes deseñadas polo novo marco lexislativo. Ademais, achegaranse á mocidade as experiencias reais de persoas que iniciaron ou están a iniciar a vía do emprendemento en diversos ámbitos, co propósito de compartir experiencias e inquedanzas, fomentando así as sinerxías e avogando pola colaboración e a aprendizaxe conxunta. Programa A inauguración oficial das xornadas, no Salón de Graos da Facultade de Dereito a partir das 9.30 horas, contará coa presenza da secretaria xeral da USC, Consuelo Ferreiro Regueiro, e do decano deste centro Luis Míguez Macho. De inmediato o catedrático de Dereito Financeiro e Tributario da USC, César García Novoa, abrirá a quenda de intervencións falando sobre as medidas fiscais para o emprendemento. A partir das 11.00 horas o decano Luís Míguez Macho referirase á regulación integrada do exercicio de actividades económicas como medida de fomento do emprendemento en Galicia e Juan Carlos García Quiñones, profesor de Dereito do Traballo e Seguridade Social da Universidade Complutense de Madrid, proseguirá cun relatorio sobre políticas activas de emprego no contexto da crise económica. Pola tarde, dende as 16.00 horas, o profesor de Dereito Procesual da Universidade de Almería Jesús Conde Fuentes tomará a palabra co tema ‘Do modelo de traballador autónomo ao modelo de emprendedor: o emprendedor de Responsabilidade Limitada e a Sociedade Limitada de Formación Sucesiva’. A continuación, a profesora de Dereito Administrativo da USC Andrea Garrido Juncal intervirá co tema ‘O emprendedor e a contratación pública’. Esta primeira xornada completarase coa mesa redonda co lema ‘Orientacións á xuventude fronte ao emprendemento e obradoiro sobre experiencias emprendedoras’.

The contents of this page were updated on 09.23.2014.