Skip to main content

“O modelado 3D é unha ferramenta potente se que divulgará entre a poboación como a fotografía ou o vídeo”, di Juan Ortiz

Ortiz, García e Souto, na sesión celebrada no IES Gregorio Fernández
Ortiz, García e Souto, na sesión celebrada no IES Gregorio Fernández
O profesor da USC fala en Sarria do uso de modelado 3D e ortofotos dos elementos patrimoniais no marco das xornadas ‘A conservación do medio natural, tarefa común’

O profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC na Escola Politécnica Superior de Lugo, Juan Ortiz, salientou este venres en Sarria que o modelado 3D mediante fotografía estase a converter nunha potente ferramenta de rexistro de información que xa utilizan moitos escolares, universitarios e profesionais de todo tipo en todo o mundo. “Sen dúbida ningunha, esta técnica difundirase nos próximos anos entre a poboación igual que o fixeron no seu día a fotografía e o vídeo”, afirmou.

Ortiz, que é membro do grupo de investigación G-I-2114 para a Documentación en 3D da USC, destacou, ademais, que “a elaboración de modelos 3D, que son figuras virtuais tridimensionais, a escala, representan fielmente a realidade”, de aí a súa importancia de cara ao futuro. Este profesor da Escola Politécnica Superior de Lugo, acompañado por Valentín García Souto, enxeñeiro técnico agrícola e colaborador do grupo de investigación G-I-2114 para a Documentación en 3D da USC, guiou unha xornada divulgativa ao abeiro do ciclo ‘A conservación do medio natural, tarefa común’, na que se abordou a temática do modelado en 3D e ortofotos dos elementos patrimoniais. Os relatores convidados a participar neste ciclo ofreceron pola mañá un relatorio ante estudantes dos IES Xograr Afonso Gómez e Gregorio Fernández, mentras que pola tarde (a partir das 19.15 horas) participan nunha sesión aberta ao público na Casa da Cultura da vila que tamén estará moderada pola sarriá Paula López López. Os dous investigadores da USC puxeron de manifesto nas súas intervencións que os devanditos modelos 3D empréganse en multitude de campos nos que é necesario contar con ferramentas precisas de medición: medicina, veterinaria, urbanismo, arquitectura, industria (moda, automoción, aeroespacial, motos, videoxogos, etc.), deportes, conservación do patrimonio, accesibilidade e moitos máis. Ademais, durante as sesións, expuxeron algúns dos modelos 3D, ortofotos e planos realizados polo grupo de investigación USCAN3D da Escola Politécnica Superior de Lugo (USC). Algúns destes exemplos relacionados co campo da documentación de patrimonio están vinculados a Sarria, como é o caso do Castro de Formigueiros ou o Petróglifo da Vegia, pero tamén se expuxeron outros traballos da Catedral de Santiago de Compostela, a muralla de Lugo ou o pavimento de Compostela. Ademais destes traballos ligados á documentación patrimonial, Ortiz e García expuxeron outras propostas cuxa temática está asociada ao rexistro de ensaios en madeira estrutural ou, entre outras, ao modelado 3D do terreo con cámaras a bordo de drones. Juan Ortiz e Valetín García aproveitaron este dobre encontro coa sociedade de Sarria para facer promoción da Escola Politécnica Superior da USC e da oferta académica do centro universitario lugués. Daquela, os dous profesores lembraron que a EPS é o centro que capta e que conta con máis estudantado universitario no campus de Lugo e no que se poden cursar un amplo abano de graos de enxeñaría. Daquela, os dous relatores lembraron que a USC ofrece na EPS os títulos de grao en Enxeñaría Agrícola e Agroalimentaria, Enxeñaría Forestal e do Medio Natural, Enxeñaría Civil e Enxeñaría en Xeomática e Topografía, así dun número máis amplo de másteres e posgraos oficiais. A cita de Sarria é a segunda que se celebra dentro das xornadas divulgativas A conservación do medio natural, tarefa común, organizadas pola Universidade de Santiago de Compostela e patrocinadas por Turismo de Galicia, a través do programa do VIII Centenario da peregrinación de San Francisco a Compostela, que se están a celebrar en 20 concellos vinculados ó Camiño de Santiago. A vindeira cita será en Lalín, o vindeiro mércores 1 de outubro, e versará sobre o tema Mecanización agraria, ó encadrarse esta vila nunha comarca con moita tradición agrícola.

The contents of this page were updated on 09.26.2014.