Skip to main content

Inaugurada a nova Aula de Simulación Clínica Odontolóxica da USC

A renovada aula de simulación conta cos 26 postos individualizados. Foto: Santi Alvite
A renovada aula de simulación conta cos 26 postos individualizados. Foto: Santi Alvite

O reitor Juan Viaño inaugurou este xoves 2 de outubro a nova Aula de Simulación Clínica odontolóxica situada na primeira planta do edificio correspondente a Odontoloxía (r/ Entrerríos, s/n). O novo espazo docente dispón de 26 postos que permiten a realización de numerosos procedementos restauradores e protésicos que simulan situacións clínicas reais. Na visita ás instalacións, o reitor estivo acompañado polo decano da Facultade de Medicina e Odontoloxía, Juan Gestal, e integrantes do equipo de dirección deste centro. Cada un dos postos de traballo está composto por un boneco de simulación (cabeza e torso), equipamento para turbina e contraángulo, sistemas de aspiración centralizada e de luces, así como unha mesa de traballo. Ademais, o conxunto complétase cunha sistema audiovisual que facilitará a aprendizaxe práctica a través da gravación en alta resolución e a utilización dun proxectos combinado con diferentes pantallas. O custe final da Aula ascendeu a aproximadamente 230.000 euros, dos que 40.000 se corresponden coas obras e instalacións requiridas e 190.000 a equipamentos, bonecos de simulación, mobiliario e sistema audiovisual. A propia Facultade de Medicina e Odontoloxía asumiu esta última partida económica en base á súa capacidade de xeración de recursos económicos previstos para os vindeiros anos.

A renovación da Aula de Simulación Clínica permitirá, como sinalou o decano neste acto inaugural, mellorar o proceso de ensino e aprendizaxe práctico da Odontoloxía, “ aspirando a manter este centro entre os primeiros do estado”.

The contents of this page were updated on 10.02.2014.