Skip to main content

A USC axúdache a deixar de fumar

Elisardo dirixe a Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC. (Foto: SERVIMAV-USC)
Elisardo dirixe a Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC. (Foto: SERVIMAV-USC)
O equipo do catedrático Becoña desenvolve con éxito en Psicoloxía varios programas para abandonar o tabaco e outras adicións

A prevalencia de consumo de tabaco experimentou un descenso “drástico” nos últimos 25 ou 30 anos, sendo a porcentaxe de fumadores diarios en Galicia do 20.3% (25.1% varóns e 15.9% mulleres), case catro puntos menos que a media española. “Son datos esperanzadores que confirman unha tendencia á baixa”, explicou en rolda de prensa o catedrático de Psicoloxía Clínica da USC e director da Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da USC, Elisardo Becoña, “pero non é suficiente: fumar é hoxe a primeira causa evitable de morbi-mortalidade, que produce a morte prematura de máis de 50.000 persoas ao ano só en España e 10 ao día en Galicia”. O profesor Becoña leva traballando desde hai tres décadas na Facultade de Psicoloxía na loita contra o consumo de tabaco ofrecendo tratamentos psicolóxicos a un total de 14.000 persoas fumadoras (entre 230 e 250 novas cada ano), cunha porcentaxe de éxito dúas ou tres veces maior que o placebo ou o autoabandono. O máis coñecido, o seu Programa para deixar de Fumar,caracterízase por proporcionar aos fumadores un conxunto sinxelo de estratexias que van seguindo semana a semana para debilitar paulatinamente as compoñentes fisiolóxica (dependencia da nicotina), psicolóxica (hábito) e social (presión ao consumo). “O fumador deixa o tabaco mediante o coñecemento da súa conduta, o manexo das situacións ambientais, o autocontrol e aspectos motivacionais, entre outros”, explica Becoña, “o que leva que ao final o fumador deixe de selo sen case percatarse”. O equipo de profesionais que traballan nese servizo pon dende hai anos especial atención á preocupación do fumador no proceso de abandono de maneira que lle ofrecen distintos programas psicolóxicos asociados que permiten tratar de maneira integral a quen desexe deixar de fumar. “Desa maneira –explica– incrementamos as probabilidade de éxito con quen ten medo a engordar ou mesmo con quen chega á Unidade con baixo estado de ánimo”. A Unidade pasou en 2014 a ampliar os seus servizos ao transformarse na nova Unidade de Tabaquismo e Trastornos Aditivos da Facultade de Psicoloxía da USC que agora trata outras adicións como o xogo patolóxico; a dependencia do cannabis, da cocaína e do alcol; ou problemas coas novas tecnoloxías. Cigarros electrónicos e outros mitos No encontro cos medios desta mañá en San Xerome, o catedrático da USC desmontou “o engano” dos cigarros electrónicos. “Na nosa opinión, non serven para deixar de fumar, senón máis ben para recaer”, sentenciou, xa que en moitas ocasións “se vende” como un instrumento para deixar de fumar e en realidade o que fai é “desmotivar aos fumadores nese proceso de abandono”. O incremento de peso corporal ao deixar o tabaco ou o efecto do cigarro como antidepresivo foron outras cuestións que o profesor Becoña matizou no encontro cos medios de comunicación. “Nos nosos estudos atopamos que quen deixou de fumar engorda de media 2 quilos en 3 meses e os que continúan fumando incrementan de peso 1, pero en seguimentos a tres anos case o 60% recupera o peso inicial”. Por outra banda, a unidade dispón tamén dun tratamento específico dirixido a mulleres con depresión ou que a tiveron no pasado e que queren deixar de fumar, tanto para abandonar o tabaco como para que poidan manexar o baixo estado de ánimo e evitar recaer de novo no consumo.

The contents of this page were updated on 06.22.2023.