Skip to main content

Alumnado de Educación Social e Pedagoxía organiza as I Xornadas sobre Conflitos Ambientais en Galicia

Alumnado de Educación Social e Pedagoxía organiza as I Xornadas sobre Conflitos Ambientais en Galicia
Alumnado de Educación Social e Pedagoxía organiza as I Xornadas sobre Conflitos Ambientais en Galicia

Alumnado de Educación Ambiental e Cultura de Sustentabilidade dos Graos en Educación Social e Pedagoxía organizan o vindeiro martes 7 as I Xornadas sobre Conflitos Ambientais en Galicia, que terán lugar de 16:00 a 21:00 horas no Salón de Actos da Facultade de Ciencias de Educación (Campus Vida).

Os conflitos ambientais son elementos de gran relevancia á hora de entender como se materializa nun territorio concreto a crise socioambiental global na que estamos inmersas/os na actualidade, ao tempo que permiten comprender ás lóxicas de depredación dos recursos nas que se basea o modelo de desenvolvemento hexemónico e a distribución ecoloxicamente desigual de impactos e ganancias.

Emprendementos extractivos, produtivos, enerxéticos, de instalación de infraestruturas, xestión de resíduos, etc., que provocan graves impactos ambientais, socioculturais, económicos, paisaxísticos ou sobre a calidade de vida das persoas e as comunidades, son contestados pola cidadanía e outros axentes sociais baixo múltiples formas de organización e seguindo unha ampla gama de vías de acción. Por iso, para practicar a Educación Ambiental nun territorio, resulta necesario coñecer e comprender ditos conflitos, así como situarse e saber interactuar con eles.

Neste sentido, e co apoio do Grupo de Investigación SEPA-interea da USC, nas xornadas –de acceso aberto ao público en xeral- presentaranse baixo distintos formatos traballos de aproximación e análise sobre conflitos ambientais de gran relevancia en Galicia.

O programa inclúe mesas de presentación e diálogo coa participación de persoas implicadas nos propios conflitos e exposición interactiva de pósteres. Como colofón, contarase coa participación de Xose Anton Bocixa Rei para proxectar e conversar sobre a reportaxe documental recentemente estreada ‘Redes contra a política do espolio. Aire, agua e terras limpas’ no que se recollen conflitos abertos nas comarcas de Santiago, Arzúa, Ordes e O Sar.

The contents of this page were updated on 05.03.2019.