Skip to main content

O catedrático de Matemática Aplicada Juan Viaño, elixido novo reitor da USC

Juan Viaño nun encontro cos medios de comunicación. Foto: Servimav-USC
Juan Viaño nun encontro cos medios de comunicación. Foto: Servimav-USC

A comunidade universitaria elixiu reitor da USC para os vindeiros catro anos ao profesor Juan Viaño quen recibiu o respaldo de 1.988 votos por 1.914 de Antonio López. En canto ao voto ponderado, Viaño suma 1.195 papeletas (50,53%) e López 1.170 (49,47%). Nesta xornada electoral, elixíronse ademais os representantes dos distintos sectores universitarios no Claustro Universitario, aínda que os datos provisorios coñeceranse nos vindeiros días. Por sectores, Juan Viaño acadou a maioría dos votos do sector do alumnado (63%) e do das restantes categorías do PDI (57,70%). Pola súa banda, Antonio López foi o máis votado entre o colectivo do profesorado doutor con vinculación permanente (54,26%) e no do Persoal de Administración e Servizos (67,78%). Participación Nestes procesos podían exercer o dereito a voto un total de 31.352 persoas organizadas en catro sectores universitarios. Concretamente, o total do censo repártese entre 1.554 votantes do sector de profesorado doutor con vinculación permanente; 2.458 persoas correspondentes ás restantes categorías de PDI; 26.028 votantes correspondentes ao sector do estudantado de grao, 1º e 2º Ciclo, máster, doutoramento e posgrao propio; e as 1.312 persoas do cadro de Persoal de Administración e Servizos. As urnas recolleron un total de 4.530 votos, dos que 4.377 foron válidos, 454 en branco e 153 nulos. A participación media foi do 14,45%, se ben no sector do profesorado doutor con vinculación permanente ascendeu ao 86,94% con 1.351 votos emitidos; no do PAS a 73,70% con 967 votos, no das restantes categorías do PDI a 19,37% e 476 votos; e na do estudantado ao 6,67% e 1.736 votos emitidos. Por Campus, as taxas de participación do primeiro sector foron superiores en Lugo que en Compostela (89,70% e 86,27%, respectivamente), o mesmo que nas restantes categorías do PDI (33,85% e 17,67%) e no sector do persoal de administración (88,95% en Lugo e 71,12 en Compostela). No relativo ao estudantado Santiago rexistra unha maior participación, 6,97% fronte ao 4,93% de Lugo. Voto ponderado Conforme á modificación do Regulamento Electoral Xeral da USC, a ponderación do voto nas eleccións a reitor determínase en función do sector, de xeito que o de profesorado funcionario doutor con vinculación permanente representa o 51%; o resto de categorías de PDI o 11%; o alumnado matriculado en titulacións oficiais, o 28%; e o Persoal de Administración e Servizos (PAS) o 10%. Juan Viaño Juan Viaño Rey (Boqueixón, 1955), catedrático do Departamento de Matemática Aplicada dende o ano 1988, é doutor pola Universidade compostelá e máis pola universidade Pierre et Marie Curie – París VI. Foi decano da Facultade de Matemáticas entre 2001 e 2009 e vicerreitor de Profesorado e Organización Académica dende 2009 a 2010. Como investigador traballa na modelización matemática e análise numérico de problemas de estruturas finas e outros aspectos relacionados coa biomecánica como a formación de implantes, osos e ortodoncia. Foi presidente da Comisión de Posta en Marcha do Instituto Español de Matemáticas (IEMath) e promotor da súa sede galega así como do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial, formado polas tres universidades galegas. É coordinador do proxectos Estalmat-Galicia, unha iniciativa de estimulación do talento matemático entre os escolares galegos. Calendario electoral

Celebrada a votación, a proclamación provisional do reitor electo producirase o 26 de abril, abríndose entre o día 28 de abril e o 5 de maio un período para a presentación de recursos ante a Comisión Electoral Central. A proclamación definitiva producirase entre o 6 e o 8 de maio.

Juan Viaño obtivo o 50,53% do voto ponderado. Foto: Santi Alvite

The contents of this page were updated on 04.25.2014.