Un congreso analiza na USC a repercusión da crise económica na conciliación da vida laboral e familiar
Expertos internacionais analizan este venres 25 e sábado 26 a repercusión da crise económica na conciliación da vida laboral e familiar nun congreso que se celebra en Santiago. O congreso, que foi inaugurado polo reitor Juan Casares, dedicou a mañá do venres ao debate das consecuencias da reforma laboral de 2012 na conciliación da vida laboral e familiar en España e á racionalización de horarios. Pola súa banda os profesores Jo Carby-Hall, da Universidade de Hull (Reino Unido) e Manfred Weiss, da Universidade de Goethe (Alemaña), achegaron a súa visión sobre as medidas de conciliación en Alemaña e a crise económica, a continuación do que se celebrou un debate coa participación dos asistentes. Pola tarde o programa contempla unha mesa redonda sobre as posibilidades do teletraballo en España, a Unión Europea e Arxentina como medida de conciliación, coa participación da profesora da Universidade de Sevilla Esperanza Macarena Sierra, a directora xeral de Avaliación e Reforma Administrativa da Xunta, Natalia Prieto, e a coordinadora de Teletraballo no Ministerio de Traballo de Arxentina Viviana Laura Díaz. Como moderadora actuou a profesora de Dereito do Traballo da USC Lourdes Mella. A sesión do sábado 26 comeza ás 9.30 horas, novamente da Facultade de Dereito, coa exposición de medidas de conciliación no Reino Unido e as consecuencias da crise económica, a cargo dos profesores Jo Carby-Hall da Universidade de Hull e Katarzyna Gromec-Broc da Universidade de York. A continuación abordarase a mesma problemática neste caso en Italia, co director científico de ADAPT en Bérgamo, Michele Tiraboschi, e Roberta Caragnano da Universidade de Módena. A continuación realizarase un balance das políticas de conciliación na Unión Europea coas achegas dos profesores Jo Carby-Hall e Michele Tiraboschi. Tras a presentación de comunicacións, clausurarase o congreso coa conferencia do catedrático da Universidade de Sevilla e presidente da Asociación Española de Dereito do Traballo e Seguridade Social, Jesús Cruz Villalón. Expertos internacionais asisten ao congreso que se celebra na Facultade de Dereito. Foto: Santi Alvite