A USC reflexiona nunha xornada sobre as competencias das entidades locais na Unión Europea
O Centro de Estudos e Documentación Europeos da USC organiza este venres 25 na Facultade de Dereito o seminario ‘ As competencias dos poderes locais na Unión Europea á luz do principio de subsidiariedade’. Na sesión profesores das universidades de Santiago, París, Castela a Mancha e Vigo abordarán o reparto de competencias na Unión Europea e o conflito entre a subsidiariedade e sustentabilidade. A xornada será inaugurada ás 11.00 horas polo reitor Juan Casares; o director do CEDE e profesor de Dereito Internacional e Público, Carlos Teijo; o decano da Facultade de Dereito, Luis Míguez; e o presidente da FEGAMP, D. José Manuel Rey Varela. A continuación será a quenda do titular da cátedra ‘Mutations de l´Action Publique et du Droit Public’ de Sciences Po en París e presidente de honra de l’Association Francaise de Droit des Collectivités Locales, Jean-Bernard Auby. Tras a súa intervención titulada ‘A distribución das competencias entre os distintos niveis de goberno na Unión Europea dende a óptica dos poderes locais: a necesaria ponderación entre o principio de subsidiariedade e o principio de sustentabilidade’, realizarase un coloquio coa participación dos asistentes. A continuación terá lugar a mesa redonda ‘As competencias dos entes locais na Lei de Racionalización e Sustentabilidade da Administración local’ na que participarán un representante da FEGAMP, a profesora de Dereito Administrativo da USC Alba Nogueira e a profesora de Dereito Administrativo da UVigo Mª Antonia Arias Martínez. O debate estará moderado polo profesor de Dereito Administrativo da Universidade de Castela a Mancha e coordinador da Rede Internacional de Dereito Europeo, Isaac Martín Delgado. O Centro de Estudos e Documentación Europea da USC organiza esta actividade en colaboración coa FEGAMP dirixida ao persoal das entidades locais e público en xeral coa intención de profundar nalgunhas das implicacións prácticas máis relevantes do proceso de integración europeo. Esta iniciativa enmárcase na programación do primeiro semestre de 2014.