Skip to main content

O reitor Juan Viaño presidirá este venres o acto académico de inauguración do curso 2014-2015

O reitor Juan Viaño presidirá este venres 5 o acto académico de inauguración do curso 2014-2015 nunha sesión que comezará ás 12.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Na sesión, a secretaria Xeral Consuelo Ferreiro Regueiro dará lectura á memoria do curso 2013-2014, mentres que a lección maxistral coa que comezará este novo período académico correspondeulle ao catedrático de Química Física José Vázquez Tato e versará sobre ‘Biomimetismo molecular’. Este acto protocolario será o escenario no que tamén se entregará a Insignia Fonseca, distinción que se lle entregará a aquelas persoas que levan máis de 30 anos prestando os seus servizos na institución universitaria en dedicación exclusiva ou por tempo equivalente. Nesta volta, recibirán o recoñecemento un total de once integrantes do cadro do Persoal de Administración e Servizos e 31 do Persoal Docente e Investigador. No seu nome, tomarán a palabra Juan Lema Rodicio, en representación do profesorado, e Estrella Fernández Silva representando ao PAS. A intervención do reitor Juan Viaño porá o peche desta sesión protocolaria. Todo o desenvolvemento do acto poderá seguirse a través de USC TV.

The contents of this page were updated on 09.04.2014.