Skip to main content

A universidade de Cienfuegos plantea a inclusión da USC na Rede Latinoamericana de Educación Superior e Desenvolvemento Local

Varela, Fernández, Valcárcel e Rocha, na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo
Varela, Fernández, Valcárcel e Rocha, na Vicerreitoría de Coordinación do campus de Lugo
A vicerreitora primeira da universidade cubana trasladou a proposta durante unha visita ao campus de Lugo para explorar oportunidades no ámbito da docencia e da I+D
Lugo

A universidade de Cienfuegos ‘Carlos Rafael Rodríguez’ de Cuba, unha institución académica que contabiliza nas aulas máis de 5.000 estudantes de grao e outros 3.000 en programas de mestrado, defende a incorporación da USC á Rede de Educación Superior e Desenvolvemento Local, un órgano supra universitario con vocación latinoamericana que veñen de impulsar a citada universidade caribeña e a Universidade dos Andes, de Ecuador, a fin de avanzar así no impulso da docencia e de programas formativos no ámbito universitario que contribúan ao posterior desenvolvemento de iniciativas locais de interese social.

A vicerreitora primeira da Universidade de Cienfuegos, Adiánez Fernández Bermúdez, trasladou esta proposta á vicerreitora de Coordinación do campus de Lugo, Montserrat Valcárcel Armesto, no marco da visita que a responsable universitaria caribeña vén de realizar ao campus lugués co obxecto de explorar novas liñas de colaboración no ámbito da docencia, da I+d+i e mesmo no que atinxe a mobilidade de estudantes e docentes entre a USC e a institución localizada na rexión centro sur de Cuba.

A vicerreitora primeira da Universidade de Cienfuegos, unha institución académica asinou en 2018 un convenio marco de colaboración coa USC, aproveitou a súa estadía en Lugo para manter encontros coa vicerreitor de Coordinación do campus de Lugo e co adxunto para Estudantes, Internacionalización, Cultura e Servizos, Jesús Varela Zapata, así como para coñecer as instalacións, servizos e cuestións relacionadas co funcionamento e a calidade dos programas docentes.

Esta toma de contacto ca sede universitaria luguesa, a segunda que mantén a Universidade de Cienfuegos co Campus Terra da USC logo da visita xa realizada en 2018 polo profesor José Crespo, posibilitou que Adiánez Fernández Bermúdez puidera comprobar que a realidade social da provincia de Lugo, en particular, e de Galicia, no seu conxunto, presenta non poucas semellanzas coa de Cuba no que atinxe a despoboamento de áreas rurais e avellentamento da súa poboación.

Alén desta conxuntura, as posibles sinerxías entre a Universidade de Cienfuegos e o campus de Lugo da USC tamén son amplos, xa que, do mesmo xeito que sucede no Campus Terra, a universidade cubana conta tamén con facultades de Ciencias Económicas e Empresariais, Humanidades, Educación, Ciencias Agrarias e Enxeñaría. A este abano de programas cómpre sumar outros mestrados en Agricultura Sustentable, Estudos Socioculturais, Enxeñaría Industriais, así como programas de doutoramento en Pedagoxía, Didáctica das Especialidades ou Teoría e Metodoloxía da Educación.

The contents of this page were updated on 01.07.2020.