Skip to main content

Avogan por falar de ‘adición a comer’ en lugar de ‘adición á comida’ para aludir á conduta alimentaria de tipo aditivo

Avogan por falar de ‘adición a comer’ en lugar de ‘adición á comida’ para aludir á conduta alimentaria de tipo aditivo
Avogan por falar de ‘adición a comer’ en lugar de ‘adición á comida’ para aludir á conduta alimentaria de tipo aditivo
Un equipo internacional no que se atopa Carlos Diéguez chega a esta conclusión tras unha revisión extensa de documentos, informes e opinións

‘Adición a comer’ en lugar de ‘adición á comida’ define con maior precisión a conduta alimentaria de tipo aditivo. É a principal conclusión do documento de consenso que acaba de emitir o consorcio NeuroFAST, un grupo que trata de estudar a neurobioloxía da homeostase enerxética, no que participan varios países de toda Europa e ao que pertence o catedrático de Fisioloxía da USC e investigador principal do Centro de Investigación Biomédica en Rede-Fisiopatoloxía da Obesidade e a Nutrición (CIBERobn), Carlos Diéguez. O achado, que acaba de ser publicado na revista Neuroscience & Biobehavioral Reviews, recolle extensamente argumentos e razoamentos de distintos campos sobre a suposta adición que provocan alimentos, compoñentes ou substancias alimenticias concretas e conclúe que, a día de hoxe, non existe unha evidencia científica que apoie a hipótese de que os alimentos involucran mecanismos cerebrais comparables ás drogas de abuso. Alimentos atractivos, non aditivos “A xente trata de encontrar explicacións racionais para o sobrepeso e é fácil culpar os alimentos. Sen dúbida, é certo que algúns son máis atractivos que outros xa que hai moitos que imos comer con facilidade incluso cando non temos fame”, afirma o profesor e director do Centro de Investigacións en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas da USC (CIMUS), Carlos Diéguez, quen ademais considera que “este comportamento se debe en parte á capacidade deste tipo de alimentos para estimular ‘vías de recompensa’ no cerebro”. Engade ademais que estas vías son activadas por algúns comportamentos naturais “pero sobre todo coñécense por ser moi estimuladas por moitas drogas de abuso”. Non obstante, a evidencia científica actual non apoia a idea de que os distintos compoñentes dos alimentos exerzan os mesmos efectos que as drogas aditivas no cerebro. En opinión de Carlos Diéguez “é evidente que algunhas persoas teñen unha relación de dependencia cos alimentos, no sentido de comer en exceso a pesar de ser conscientes das graves consecuencias para a súa saúde”. Neste senso o investigador apunta que “coa posible excepción da cafeína, na actualidade existe moi pouco fundamento para apoiar a idea de que calquera ingrediente, alimentos, aditivo ou combinación de ingredientes ten propiedades aditivas” A influencia da contorna “Se asumimos que a adición a comer é frecuente, isto indica que depende moi probablemente dun entorno que fomenta o seu desenvolvemento”, suxire o profesor Diéguez en referencia á facilidade de acceso e á exposición a un gran número de alimentos apetecibles que “ben poden implicar un risco elevado de desenvolver unha adición como o comer”. A partir doutro trastorno do comportamento –o do xogo- “sabemos que tanto un tratamento individualizado e unha prevención estrutural, como a redución do número de salas de xogo, a restrición da publicidade da promoción dos xogos de azar e o cumprimento das restricións de idade son eficaces nun gran número de pacientes”. Nunha liña similar, os expertos do consorcio NeuroFAST están convencidos de que a sociedade actual necesita discutir cómo tratar mellor e evitar a adición a comer. Unha discusión, opinan, que non debe centrarse na cuestión de si ou non os alimentos provocan adición no sentido dunha dependencia, senón en potenciar políticas de prevención e tratamento da obesidade con iniciativas conxuntas entre todos os axentes responsables.

The contents of this page were updated on 09.11.2014.