A Casa de Europa acolle unha nova sesión de Picaversos
O Ciclo Picaversos celebra o vindeiro martes 22 unha sesión na Casa de Europa dedicada á poesía e á música ‘da perda’. Participarán na cita, que comeza ás 21.00 horas, as escritoras Berta Dávila e Elvira Riveiro e contará coa actuación musical de Le Roi e Martin WU, músicos de Grampoder. Picaversos é o único ciclo regular de lecturas poéticas que se celebra en Compostela dende hai máis de 3 anos. A iniciativa quere visibilizar a poesía fóra do eido exclusivamente literario e ampliar o seu público. Así, reúne voces diversas sen espazo cultural conxunto nas programacións institucionais. O ciclo busca recuperar as lecturas poéticas amplas, non tan orientadas á produción propia como lecturas escollidas sobre un tema proposto, fomentando o pracer de compartir unha lectura en voz alta. A USC colabora con nesta iniciativa que xa celebrou diferentes sesións en espazos da Universidade. Así, o Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia acolleu unha cita centrada na poesía anglófona e a Igrexa da Universidade outra dedicada á poesía francesa de todos os tempos.