O artista brasileiro Albano Afonso inaugura unha dobre exposición na Igrexa da Universidade e na Fundación DIDAC

Vivir nun mundo abstracto é a dobre exposición do artista brasileiro Albano Afonso producida pola Fundación DIDAC que poderá visitarse na Igrexa da Universidade ata o 31 de maio e na propia sede da Fundación ata o 23 de xuño. A mostra forma parte dunha secuencia de exposicións do artista -Madrid, São Paulo e Santiago de Compostela-, nas que reflexiona sobre cuestións referentes á abstracción, xa sexa a partir da forma ou dunha abstracción mental ou conceptual. A inauguración terá lugar este venres 3 ás 19.30 h na Igrexa da Universidade e ás 20.30 na Fundación DIDAC.
Albano Afonso presenta na Igrexa fotografías da serie Estudio. Unha mirada atenta desvelará que dentro deses encadres de cores tan propios do neoconcretismo brasileiro se esconden disimulados autorretratos do artista, suxeridos tras a luz dos flashes das fotografías que realiza no seu propio estudio e insinuados a través de fragmentos do seu corpo -recurso que domina tamén as súas esculturas móbiles-.
Albano Afonso convídanos a transitar a imaxe, a procurar as súas resonancias, integrando a realidade e o cotiá; un lugar que non é para a exactitude nin para a evidencia, senón para o desasosego, para a turbación. Así, o xogo de xustaposición de filtros de cor RGB das súas fotografías correspóndese con esas mesmas imaxes impresas sobre tecidos que funcionan como bandeiras capaces de proxectar esa sensación abstracta ao espazo barroco da Igrexa da Universidade. Ese proceso serendípico, produto de traballar a tridimensionalidade do espazo arquitectónico desde a transparencia, lévanos directamente ao universo das vidreiras, que permiten ver o interior do espazo á vez que proxectar xogos de luz e cor convertendo o contexto en contido.
Xa na Fundación DIDAC, en Vivir nun mundo abstracto a nosa mirada exponse a un abismo horizontal, a un problema de equilibrio, como o das súas esculturas móbiles. Estes conxuntos escultóricos colgados do teito son naturezas mortas que nos levan a unha abstracción máis mental. Por unha banda, advertimos fragmentos do corpo do artista, como as súas mans, que permiten xogos de sombras que lembran ás sombras chinesas da nosa infancia, evocando paxaros ou cans. Por outra, unha serie de cristais minerais que son en si mesmos outra natureza construída con cristais cos que salienta o seu interese polo reflexo e a luz. Noutros casos, este equilibrio ironízase cunha serie de pesos.
O autor Albano Afonso (São Paulo, Brasil, 1964) é un artista de gran proxección internacional, que participou en numerosas exposicións individuais e colectivas en distintas cidades de Europa, Asia e Latinoamérica, así como en eventos como a Bienal de São Paulo ou a Bienal de Mercosul. A súa obra atópase en coleccións como as da Fundación ARCO, MAM de São Paulo, MAM de Rio de Janeiro ou a prestixiosa Colección Gilberto Chateaubriand
A mostra poderá visitarse na Igrexa de luns a venres de 17.30 a 20.30 horas e na Fundación DIDAC (Rúa Pérez Costanti, 12. Santiago) de martes a venres de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas e os sábados con cita previa.