Pasar al contenido principal

O LHICA da Facultade de Veterinaria busca persoas voluntarias para un proxecto relacionado coa nutrición

4/10/2014 2:15 PM

O Laboratorio de Hixiene, Inspección e Control de Alimentos (LHICA) da Facultade de Veterinaria da USC busca voluntarios para a realización dun proxecto relacionado coa nutrición, para o que se precisa a colaboración de persoas con sobrepeso que camiñen ou practiquen algún tipo de deporte.

A actividade para a que o LHICA, un grupo de investigación da USC dirixido polo catedrático Alberto Cepeda, demanda a participación de voluntarios/as consiste na aplicación da tecnoloxía por infravermello de lonxe en varios parámetros bioquímicos relacionados co estado nutricional e coa prevención de enfermidades crónicas non transmisibles en suxeitos cun estado de sobrepeso (dende moi lixeiro, ata obesidade). A tecnoloxía por infravermello de lonxe xa está a ser utilizada con outros fins como son a recuperación de deportistas de elite tralas competicións máis esixentes ou a prevención de recaídas en pacientes de enfermidades coronarias que tiveron algún episodio recente. Tamén se utiliza co fin de depurar os metais pesados depositados na graxa do organismo, favorecendo a súa expulsión a través dos ouriños. Co desenvolvemento deste proxecto preténdese estudar os posibles efectos beneficiosos desta tecnoloxía na redución da obesidade, na mellora das enfermidades inflamatorias e na mellora da recuperación muscular tralo exercicio físico. Para unha avaliación e valoración axeitada dos resultados do uso deste tipo de tecnoloxía, os promotores do proxecto precisan da participación de persoas que teñan sobrepeso e que practiquen algunha actividade deportiva semanal (aínda que só sexa camiñar), ós que se lles aplicará o tratamento de maneira totalmente gratuíta. As persoas interesadas poden formalizar a súa inscrición neste proxecto ou solicitar calquera outro tipo de información ao respecto a través do enderezo de correo electrónico jjportoarias [at] gmail.com (jjportoarias[at]gmail[dot]com).

Los contenidos de esta página se actualizaron el 10.04.2014.