Pasar al contenido principal

O XII Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC presenta as coreografías de oito compañías

Detalle da posta en escena de ‘Onde se fugan as valentes’, peza incluída no Festival Miradas de Mulleres
Detalle da posta en escena de ‘Onde se fugan as valentes’, peza incluída no Festival Miradas de Mulleres

O Encontro Universitario de Danza Contemporánea da USC alcanza a súa décimo segunda edición coa participación dun total de oito compañías cuxas propostas escénicas achegarán a danza universitaria á cidade de Compostela saíndo ao encontro dos espectadores e favorecendo actividades comúns a este colectivo artístico. Nesta nova edición do Encontro de Danza intervirán ademais das compañías dos campus de Santiago e Lugo, dúas compañías da Universidade da Coruña, outra do Campus de Ourense, a da Universidade da Beira do Interior (Portugal), a compañía independente da USC Kaos e a compañía profesional Cisma. O encontro celebrarase este mércores 9 e o xoves 10 no Teatro Principal coa colaboración do Concello de Santiago. As actuacións, para as que a entrada é libre previo paso pola billeteira, comezarán ás 21.00 horas e terán unha duración aproximada de 20 minutos. Na inauguración do Encontro está programada unha performance de Danzaterapia que se realizará o mesmo mércores 9 na Igrexa da Universidade ás 13.30 horas. Nesta actuación de entrada igualmente de balde, o alumnado amosará o resultado final do curso realizado este ano polo profesor psicopedagogo Daniel Pregal. Ademais, o xoves 10, o programa de Pezas Curtas amosará nun formato reducido de cinco minutos as producións coreográficas das distintas universidades participantes xunto co alumnado de nivel avanzado do Curso de Bailes Latinos que dirixe o profesor Miguel David Herrera. Será no carril da Facultade de Dereito de Campus Vida ás 13.00 horas. O programa do Encontro comezará o mércores 9 coa actuación da compañía danzaUSClugo quen, baixo a dirección artística de Juan Carlos Zahera e coa coreografía de Rosa Acuña, porá sobre a escena a peza Empatía. No mesmo programa, Aula de Danza Normal da Universidade da Coruña executará ‘ Animais de hábitos nocturnos’, unha coreografía colectiva cuxa dirección artística corresponde a Rut Balbís. Seguiralle a Compañía TeatrUBI da Universidade da Beira Interior, que trae a Compostela ‘Diagnóstico: desgosto patolóxico’ coa dirección artística de Rui Pires. Para completar o primeiro día do encontro a Compañía danzaUSCompostela interpretará ‘Onde se fugan as valentes’, dirixida por Juan Carlos Zahera coa coreografía de Xiana Vilas. O xoves 10 será a quenda de I+D Aula de Danza da Universidade da Coruña, quen baixo a dirección artística de Rut Balbís trae ao festival a peza ‘Punto de Fuga’. Na mesma xornada, a compañía independente da USC Kaos representará ‘A Fuxida’ e D-ou-tras, compañía do Campus de Ourense, a peza ‘Luz e materia’ que dirixe artisticamente Begoña Cuquejo. As actuacións rematarán coa participación dunha compañía profesional convidada, nesta ocasión Cisma, baixo a dirección artística de Xiana Vilas, para presentar ‘ Entrenanas’.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 08.04.2014.