Pasar al contenido principal

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias da USC impulsa a creación dun panel sénior de consumidores en Lugo

Imaxe conceptual de análise sensorial
Imaxe conceptual de análise sensorial
Persoal técnico da Aplta da USC presentará o mércores 15 na Casa do Saber o proxecto sobre estudos sensoriais de alimentos lácteos orientado a maiores de 60 anos

A Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias (Aplta) do campus de Lugo da USC impulsa a creación dun panel de cata de alimentos lácteos orientado á participación de persoas maiores de 60 anos. Responsables do Laboratorio de Análise Sensorial Aplta presentarán o vindeiro 15 de maio na Casa do Saber de Lugo este proxecto, que nace coa vocación de convertese nunha iniciativa estable no tempo e que focaliza a súa atención nos maiores de 60 anos por tratarse dun colectivo de especial interese para os estudos sensoriais de produtos lácteos.

A análise sensorial é o exame das características organolépticas dun produto, o que implica un conxunto de técnicas de medida e avaliación de determinadas propiedades dos alimentos por un ou máis dos sentidos humanos. A Aplta dispón dun Laboratorio de Análise Sensorial desde 1993 que está orientado a estudar estas características sensoriais dos produtos alimentarios en xeral e dos lácteos en particular. A ferramenta máis importante no estudo sensorial dun alimento son os sentidos dun grupo de persoas adestradas que avalían ese alimento (paneis de cata). En función do traballo que vaia a realizar, a Aplta conta con tres paneis: panel de expertos, panel interno e panel de consumidores.

Desde o punto de vista do consumidor, o grupo formado por persoas de máis de 60 anos creceu moito nos últimos anos e, nesta liña, a industria incrementa recursos para deseñar produtos destinados a esta franxa de poboación que, polas súas condicións fisiolóxicas, poden non responder ao mesmo patrón que un consumidor medio. Por este motivo, o laboratorio da APLTA busca persoas interesadas en contribuír a estudar a sensibilidade sensorial desta parte da poboación para poder orientar así o deseño, por parte da industria, de produtos valorados positivamente por eles.

Xornada presentación panel consumidores produtos lácteos

A convocatoria lanzada pola Aplta, a través do seu Laboratorio de Análise Sensorial, para a conformación deste panel sénior de cata de consumidores de produtos lácteos contempla dúas sesións, programadas para as 12.00 e as 17.00 horas, na Casa do Saber de Lugo. O obxecto destas xornadas é o de explicar a finalidade deste proxecto ao público asistente. As persoas interesadas en adherirse ao panel de cata de consumidores deberán cumprimentar o formulario que se lles achegará.

A actividade está deseñada con carácter práctico, formativo e lúdico, ao tempo que se divide en diferentes fases, polo que a participación neste proxecto supón para as persoaas implicadas unha actividade regular con periodicidade semanal nas instalacións de que dispón a Aplta na súa sede da Rúa Montirón de Lugo. Os datos obtidos no marco deste estudo permitirán xerar coñecemento científico que achegará valor engadido á actividade de I+D+i que desenvolve a Aula de Produtos Lácteos e Tecnoloxías Alimentarias do campus de Lugo da USC.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 02.05.2019.