Pasar al contenido principal

A USC celebra o Día da Xeografía cunha homenaxe ao profesor José Valverde

A Facultade de Xeografía e Historia da USC conmemora este xoves 24 o Día da Xeografía. No terceiro ano que se realiza esta celebración a xornada estará dedicada ao xeógrafo e humanista galego José Valverde Álvarez cunha serie de charlas entorno á súa figura e traxectoria profesional. Os actos desenvolveranse desde as 17.00 horas da tarde no Paraninfo da Universidade nesta Facultade. A xornada comezará coa intervención de Pilar Valverde, filla do homenaxeado que falará sobre a figura do seu pai nunha conferencia titulada ‘José Valverde: O exilio fecundo’. A continuación será a quenda do profesor e investigador do CNRS francés Michel Drain quen recordará as vivencias en Sanlúcar de Barrameda do profesor Valverde. Os actos continuarán coa intervención do catedrático de Xeografía da Universidade Pablo Olavide de Sevilla, Juan F. Ojeda Rivera, coa conferencia ‘A mirada comprensiva e didáctica do profesor Valverde ás paisaxes de Sanlúcar’ e pechará o programa o profesor de Xeografía da USC José Antonio Aldrey Vázquez falando dos estudos xeográficos e humanistas do profesor Valverde en Galicia. No mesmo acto realizarase a entrega de premios do II Concurso de Logotipos e Lemas de Xeografía, no que participaron alumnos de ESO e Bacharelato e os representantes do Colexio de Xeógrafos farán unha aproximación aos perfís profesionais da Xeografía máis demandados segundo os últimos informes publicados ao respecto. O Departamento de Xeografía da USC organiza este acto para dar a coñecer a profesión dos xeógrafos e concienciar dos problemas territoriais e medioambientais que afectan a Galicia en particular e ao medio en xeral.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 23.04.2014.