Pasar al contenido principal

A música e a poesía ‘da perda’ serán as protagonistas nunha sesión de Picaversos na Casa de Europa

Berta Dávila
Berta Dávila
A cita do martes 22 contará coa participación das escritoras Berta Dávila e Elvira Tobío e os músicos Le Roi e Martin Wu

O Ciclo Picaversos celebra este martes 22 unha sesión dedicada á poesía e a música ‘da perda’ na Casa de Europa. A cita comezará ás 21.00 horas e contará coa participación das escritoras Berta Dávila e Elvira Riveiro e a actuación musical de Le Roi e Martin WU, músicos de Grampoder. Berta Dávila (Santiago de Compostela, 1987) é autora de libros como Corpo baleiro (2007) ou Raíz da fenda (Xerais, 2013), Premio Johán Carballeira de poesía. No eido da narrativa iniciouse coa novela Bailarei sobre a túa tumba (premio Biblos de novela, 2008), á que lle seguiu o libro de relatos A arte do fracaso (2010) e a novela O derradeiro libro de Emma Olsen, que acadou o Premio de Narrativa Breve de Repsol no 2013 e editada por Galaxia. Elvira Riveiro (Pontevedra, 1971) publicou Andar ao leu (2005), Arxilosa (2005), Palabras brancas (2008), Biografía da Multitude (xunto a Silvia Penas, 2009), Carnia haikai (2012), Corpos transitivos (2013) e As redes de Inés (2014). Ten ademais poemas e relatos publicados en diversas revistas, libros colectivos e antoloxías. Colabora en proxectos de videocreación, performance e recitais coa dj alemá Carina Posse. Le Roi e Martin Wu son músicos do grupo Grampoder. Fan rock portátil, e son coñecidos por formar parte de The Homens, Stay Pretty ou Fame Neghra. Picaversos é o único ciclo regular de lecturas poéticas que se celebra en Compostela dende hai máis de 3 anos. A iniciativa quere visibilizar a poesía fóra do eido exclusivamente literario e ampliar o seu público. Así, reúne voces diversas sen espazo cultural conxunto nas programacións institucionais. O ciclo busca recuperar as lecturas poéticas amplas, non tan orientadas á produción propia como lecturas escollidas sobre un tema proposto, fomentando o pracer de compartir unha lectura en voz alta. A USC colabora con nesta iniciativa que xa celebrou diferentes sesións en espazos da Universidade. Así, o Paraninfo da Facultade de Xeografía e Historia acolleu unha cita centrada na poesía anglófona e a Igrexa da Universidade outra dedicada á poesía francesa de todos os tempos. Elvira Tobío Le Roi e Martin Wu

Los contenidos de esta página se actualizaron el 21.04.2014.