Pasar al contenido principal

Harald zur Hausen: “Ao redor do 20% dos cancros teñen a súa orixe en infeccións”

Zur Hausen mantén que hai infeccións que poden causar cancros (Foto: Santi Alvite)
Zur Hausen mantén que hai infeccións que poden causar cancros (Foto: Santi Alvite)
O Nobel de Medicina avoga na USC pola investigación dos cancros e defende a vacina do virus papiloma humano

“Ao redor do 20% dos cancros poden estar causados por infeccións víricas ou doutro tipo” esta é afirmación do Nobel de Medicina Harald zur Hausen na súa visita a Santiago invitado polo programa ConCiencia, iniciativa de divulgación científica patrocinada polo Consorcio de Santiago. O científico do German Cancer Research Centre da Universidade de Heidelberg en Alemaña recibiu o Premio Nobel en 2008 polas súas investigacións sobre o cancro de colo de útero demostrando que en practicamente todos os casos o cancro fora infectado polo papilomavirus humano. Harald zur Hausen sempre estivo convencido de que o cancro de colo de útero era provocado por unha infección, pero descoñecía cal e nun principio centrou as súas investigacións no herpes xenital. O científico xa conseguira relacionar outros virus con cancro en estudos anteriores a través dos restos de ADN que deixa o virus nas zonas afectadas pola enfermidade. Decidiu centrarse no cancro de colo de útero pola especial incidencia da enfermidade. Tras enfrontarse á comunidade científica conseguiu demostrar que células afectadas polo cancro non só tiñan restos de ADN do papilomavirus humano, senón que ademais estes condicionan o seu comportamento, o que demostra que o provoca. O premio Nobel explica que nun principio o seu descubrimento non suscitou o interese das farmacéuticas, pero que na actualidade hai máis de 100 millóns de nenas vacinadas contra o virus do papiloma humano en todo o mundo. A infección xenital co virus do papiloma humano (VPH) é a enfermidade de transmisión sexual máis frecuente no mundo e o cancro de colo de útero é o segundo máis frecuente entre mulleres. Zur Hausen defende a vacina como o mellor método de prevención e considera que non só se debería vacinar as nenas senón tamén aos nenos xa que os homes son os principais transmisores do virus e hai exemplos de cancro causados polo papilomavirus en varóns. En canto á súa efectividade, o científico explica que haberá que agardar para ter datos concretos posto que o tempo medio que pasa entre que se produce a infección ata que se desenvolve o cancro é de 15 a 20 anos e a vacina só se aplica dende o 2006. Fronte aos que o acusan de defender o interese das farmacéuticas, o investigador alemán asegura que o custe da vacina é insignificante se o comparamos co custe do tratamento de cancro, ademais das consecuencias psicolóxicas, sociais e físicas de padecer a enfermidade. Recorda que, a pesar de que só un 5% das mulleres infectadas polo papilomavirus chegan a desenvolver cancro, a infección tamén ten consecuencias sanitarias menos graves, evitables coa vacina á que cualifica das máis seguras do mercado, con só un caso de efectos secundarios rexistrado cada 100.000 aplicacións da vacina. O Premio Nobel anima aos investigadores actuais a continuar esta liña de traballo xa que se estima que ao redor do 20% dos casos de cancro están causados por infeccións -víricas ou doutro tipo-. A súa afirmación basease nos datos derivados dos estudos de incidencia de diferentes tipos de cancro na poboación segundo o lugar de residencia que evidencia unha relación entre a enfermidade e as circunstancias ambientais dos que a padecen. Como en anteriores edicións do programa, ofrece unha conferencia gratuíta e aberta ao público, este mércores ás 19.00 horas, baixo o título ‘A busca de cancros vinculados a infeccións’ no auditorio de Novagalicia Banco (Preguntoiro, 23) e o científico reunirase este xoves 22 ás 9.30 horas na Aula Novoa Santos do Complexo Hospitalario Universitario de Santiago co persoal investigador da universidade. A visita de zur Hausen encádrase na novena temporada do programa de divulgación científica ConCiencia, grazas ao que xa visitaron a USC reputados investigadores como o John Nash, Heinrich Rohrer, Torsten Nils Wiesel, Richard R. Ernt, Michael Atiyah, Frank Wilczeck, Peter Lax e así ata máis dunha trintena de especialistas galardoados con premios Noble, medallas Fields, Premio Abel ou Turing, entre outros. O científico alemán asinou no libro de honra da USC (Foto: Santi Alvite) Zur Hausen visita Santiago da man do programa de divulgación científica ConCiencia (Foto: Santi Alvite)

Los contenidos de esta página se actualizaron el 20.08.2021.