Pasar al contenido principal

A Facultade de Ciencias impulsa o ensino de Química en galego cun proxecto multimedia con vídeos de prácticas de laboratorio

Isabel Fernández, Esther Gómez, Marcelino Maneiro e Laura Rodríguez, nos laboratorios da Facultade de Ciencias
Isabel Fernández, Esther Gómez, Marcelino Maneiro e Laura Rodríguez, nos laboratorios da Facultade de Ciencias
O proxecto Funil.gal, Premio Luísa Villalta a iniciativas de normalización Lingüística, achega ao estudantado material audiovisual e contidos teóricos nun libro electrónico

A Facultade de Ciencias do campus de Lugo da USC favorece a ensinanza de Química en galego a estudantes universitarios e de ensino preuniversitario través de Funil.gal, un proxecto multimedia que estará accesible na rede e no que se inclúe un libro electrónico con diversos contidos e material teórico, ademais dun amplo abano de vídeos nos que se reproducen diversas sesións prácticas e experimentos de Química desenvolvidos en laboratorio.

Esta iniciativa, promovida polos profesores da Facultade de Ciencias da USC Isabel Fernández, Laura Rodríguez, Esther Gómez, Rosa Pedrido, Ana González e Marcelino Maneiro, e na que colabora o tamén profesor do Departamento de Química Inorgánica da USC na Facultade de Química Manuel Bermejo, resultou distinguida co Premio Luísa Villata a iniciativas de normalización lingüística na convocatoria de 2013, un galardón dotado con 1.000 euros en metálico y cuxo acto de entrega se celebrou recentemente na Universidade da Coruña. O interese deste proxecto impulsado por docentes do campus de Lugo para dotar a lingua galega de novas ferramentas multimedia no ámbito científico e así favorecer o uso deste idioma nos ámbitos científicos e tecnolóxicos, ademais de contribuír á consolidación do uso da lingua propia fronte á xeración de termos importados doutros idiomas (inglés e español, en gran medida) non pasou desapercibido para a Comisión Interuniversitaria de Política Lingüística. Daquela, este órgano integrado polas tres universidades galegas e, por parte da Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral de Universidades e a Secretaría Xeral de Política Lingüística, vén de acordar a concesión dunha axuda de 5.000 euros para financiar a execución e posta en marcha do proxecto socio educativo Funil.gal, mediante achegas de todas as institucións integrantes. O desenvolvemento e a posta en marcha de Funil.gal, unha iniciativa sociocultural e educativa que ademais de favorecer e fomentar o emprego do galego dos eidos científicos e tecnolóxico, tamén pretende cubrir o actual baleiro existente no que atende á disposición de material audiovisual en lingua galega, está xa nunha fase bastante avanzada. Os contidos que se prevé incluír no libro electrónico que compilará conceptos teóricos e outro material didáctico, xa están definidos e preparados para poder subilos á rede. Un maior retraso é o que se rexistra no proceso de elaboración dos vídeos e outro material audiovisual referido ao desenvolvemento das prácticas de Química en laboratorio coa súa correspondente supervisión académica. A elaboración deste material videográfico e audiovisual será cometido da empresa luguesa Microsoños, que logo de facer un primeiro traballo de gravación hai unhas semanas, comezou a gravación dos vídeos definitivos esta mesma semana no novo edificio que acubilla os laboratorios da Facultade de Ciencias do campus de Lugo. Os promotores da iniciativa Funil.gal agardan que todos os contidos estean perfectamente elaborados ao longo do outono deste ano, de xeito que no momento en que os dominios .gal sexan operativos, estes contidos tamén poidan ser accesibles para todas as persoas interesadas no seu coñecemento e no seu uso.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 26.05.2014.