Pasar al contenido principal

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo acollerá en xuño a V Olimpíada Galega de Economía

O prazo de inscrición neste concurso académico, que busca incentivar e estimular o estudo de Economía e Empresa no ensino medio, estará aberto ata o 12 de xuño

A Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo acubillará o vindeiro 18 de xuño os exames da quinta edición da Olimpíada Galega de Economía, un concurso de carácter académico que busca estimular e divulgar o estudo de Economía e Empresas entre o estudantado de ensino medio que chega por vez primeira ao campus de Lugo logo de ter celebradas as súas anteriores edicións en Santiago de Compostela, Vigo, A Coruña e Ourense.

A V Olimpíada Galega de Economía, un concurso organizado pola Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo da USC en colaboración coa Asociación Galega de Ensinantes de Economía en Secundaria (Agaedes) permite dar continuidade os concursos promovidos conxuntamente polas facultades de Económicas e Empresariais do Sistema Universitario Galego (SUG) desde o curso 2008-2009. O estímulo e a divulgación dos estudos de Economía e Empresa entre o alumnado de ensino secundario é un dos obxectivos básicos desta iniciativa, que tamén pretende servir para premiar o esforzo e a excelencia académica dos máis novos/as, así como para establecer e fornecer vínculos estables entre as facultades das universidades galegas, os centros de ensino secundario, profesores de Economía en Bacharelato e alumnos e alumnas interesadas polo estudo desta materia. Poderán participar nas probas da V Olimpíada Galega de Economía todos/as os/as alumnos/as dos centros de ensinanza secundaria de Galicia que estean matriculados durante o curso 2013-2014 na materia Economía da Empresa, que se imparte en segundo curso de Bacharelato. O lugar de celebración é a Facultade de Administración e Dirección de Empresas de Lugo. A participación na proba é individual e a ficha de inscrición, que poderá formalizarse ata o vindeiro 12 de xuño de 2014, está accesible e pode descargarse na páxina web www.olimpiadagalega.es , onde as persoas interesadas tamén poderán atopar cumprida información sobre este certame. As persoas que desexen concursar neste certame deberán remitir a folla de inscrición debidamente cumprimentada ao enderezo de correo electrónico fadedeca [at] usc.es (fadedeca[at]usc[dot]es) ou tamén a poderán remitir ao enderezo postal da Facultade de Administración e Dirección de Empresas do campus de Lugo, emprazada na Avenida de Alfonso X El Sabio, sen número, da capital luguesa. Pode obterse máis información ao respecto do certame a través dos números de teléfono 982 824 430 e 982 824 403, así como na propia web da http://www.usc.es/empresas. A decana da Facultade de Administración e Dirección de Empresas da USC, Begoña Barreiro Fernández, será a encargada de presidir a comisión académica encargada de avaliar os exames e probas de coñecemento realizadas polos estudantes participantes neste certame de carácter autonómico. As tres persoas participantes que obteñan as cualificacións máis altas poderán asistir á fase nacional da Olimpíada de Economía, un certame que desenvolverá as distintas probas programadas ao longo da última semana do mes de xuño na Cidade Autónoma de Melilla. As tres persoas con mellor puntuación serán agasalladas con cadansúa medalla de ouro, prata e bronce, respectivamente, mentres que os outros sete finalistas recibirán diplomas acreditativos.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 27.05.2014.