Comeza a programación da Universidade de Verán 2014
A programación de cursos da Universidade de Verán botará a andar a vindeira semana coa celebración de tres cursos en Santiago. Así, comezarán a súa programación o terceiro curso de ‘ Divulgación: Química, a ciencia que envolve a nosa vida’, baixo a dirección de Pilar Bermejo Barrera e Carmen María García Jares; ‘ LaTeX: documentos científicos e presentacións’, entre os días 2 e 6 do vindeiro mes e baixo a coordinación de Rosana Rodríguez López; e ‘ Música na primeira infancia’ , os días 2 e 3 de xuño baixo a dirección de Cecilia Portela López. Divulgación en química Do 2 ao 5 de xuño, a terceira edición do curso de Divulgación dará a coñecer que é a Química nos albores do século XXI e como se relaciona con outras ciencias, achegando exemplos que demostran que a maioría das actividades e comodidades que forman parte da vida cotiá están a ser proporcionadas ou teñen un alto compoñente de Química. Neste senso, exporanse algunhas aplicacións da Química nos campos da saúde, da alimentación, do medioambiente e mesmo a súa contribución na investigación forense e criminalística ou a súa importancia na economía, entre outros tópicos, dende un enfoque de máxima actualidade. O reitor Juan Casares presidirá a inauguración deste curso o luns 2 de xuño ás 9.00 horas na Aula Magna Antonio Casares da Facultade de Química. Música na primeira infancia Ao longo das dúas xornadas que se van celebrar no Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC), este curso achegará experiencias musicais de diferentes ámbitos educativos relacionados coa idade temperá o que permitirá iniciar un debate a través das experiencias e investigacións actuais sobre a educación musical na primeira infancia. O programa permitirá coñecer os proxectos desenvolvidos neste ámbito pola Escola de Artes Sociedade Artística Musical dos Pousos de Leiria en Portugal (SAMP). No acto inaugural, ás 15.30 horas no CGAC, intervirán o decano da Facultade de Ciencias da Educación, Lois Ferradás; os coordinadores do curso, os profesores de Didáctica da expresión musical plástica e corporal Cecilia Portela e Martín Leránoz Iglesias; e Paulo Lameiro, musicólogo e director pedagóxico e artístico da Escola de Artes SAMP. LaTeX
Esta actividade formativa estrutúrase en diferentes sesións enfocadas a practicar a elaboración de documentos de calidade tipográfica profesional, como artigos, libros ou traballos académicos, transcribindo textos de diferentes ramas do coñecemento e manexando gráficos na composición de materiais diversos, incluíndo a elaboración de presentacións. O curso xirará sobre LaTeX, unha ferramenta estable e multiplataforma que xera documentos con calidade tipográfica profesional e que, ademais, é totalmente gratuíta. A inauguración do curso celebrarase a partir das 9.30 horas na Facultade de Matemáticas.