Pasar al contenido principal

O Servizo Normalización Lingüística pon a disposición do alumnado obradoiros e modelos para elaborar os traballo fin de grao ou fin de mestrado

O obradoiro, que ten recoñecido un ECTS para todas as titulacións, desenvolverase en Dereito e xa ten aberta a matrícula ata o día 5 de xuño

Á hora de elaborar os traballos de fin de grao (TFG) ou traballos de fin de mestrado (TFM) alumnos e alumnas enfróntanse a numerosas dúbidas, tanto de contido como outras de natureza formal. Para axudalos neste aspecto, o Servizo de Normalización Lingüística da USC pon á súa disposición modelos de TFG e TFM e os obradoiros de elaboración destes traballos. Os modelos de TFG e TFM, tanto en Word como en Libre Office, presentan solucións formais en relación ás partes do traballo (portada, resumo, índices, capítulos, bibliografía...) e ao formato (estilos, paxinación, inclusión de táboas, gráficos ou imaxes) e inclúen ferramentas de apoio á redacción (o idioma do documento está fixado e o corrector automático, listo para iniciarse). Así, quen queira utilizar estes modelos (o seu uso non é obrigado) só terá que centrarse nos aspectos máis directamente relacionados co contido, deixando á marxe cuestións puramente técnico-formais. Obradoiros O Obradoiro de elaboración de TFG e TFM, ademais de axudar a tirarlles todo o partido posible a estes modelos, busca mellorar a redacción e preparar con eficacia a defensa oral do traballo diante do tribunal, coa axuda de presentacións dixitais. Para todo isto, o alumnado contará coa supervisión personalizada por parte do profesorado do Obradoiro. O curso combinará exposicións teóricas e sesións prácticas, e nas horas non presenciais o alumnado deberá revisar o seu traballo de fin de grao ou de fin de mestrado segundo o modelo que se lles fornece e as pautas do curso. Logo haberá unha serie de sesións presenciais de posta en común para comentar as dúbidas, erros e acertos dos traballos. No Obradoiro pode participar todo o alumnado matriculado na materia de Traballo de Fin de Grao ou no TFM de todas as titulacións. Nas 30 horas do curso, 25 delas presenciais, as persoas que asistan abordarán contidos lingüísticos-documentais (redacción, terminoloxía, corrección e revisión, partes do traballo, uso de modelos) e informacionais (busca, selección e inclusión de recursos de información -Refworks-) para a redacción do TFG/TFM, así como comunicacionais para a defensa do traballo diante do tribunal con apoio de presentacións dixitais.

O Obradoiro de elaboración e defensa de TFG e TFM en galego desenvólvese na Aula Universia da Biblioteca Concepción Arenal, dende o día 9 ata o 17 de xuño en sesións de 2 e 3 horas (de 16.00 a 18.00 ou de 16.00 a 19.00 horas), e mais os días 19 e 20 de xuño en horario de 16.00 a 18.00 horas. Quen se matricule poderá obter o recoñecemento de 1 crédito ECTS por competencias transversais (en lingua galega) e o diploma de asistencia por 30 horas. A matrícula no curso custa 30 euros e faise a través da Secretaría Virtual ata o día 5 de xuño ás 24.00 horas.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 17.11.2023.