Pasar al contenido principal

Estalmat-Galicia recibe á súa XIII promoción

Durante o curso os estudantes seguirán un programa especial de estímulo do talento matemático. Imaxe de arquivo
Durante o curso os estudantes seguirán un programa especial de estímulo do talento matemático. Imaxe de arquivo
Este alumnado foi seleccionado logo de superar unha proba na que tomaron parte máis de catrocentos alumnos e alumnas de toda Galicia
Santiago de Compostela

O proxecto Estalmat-Galicia, centrado no estímulo do talento matemático en rapaces e rapazas de 12 e 13 anos, botou a andar este sábado na Facultade de Matemáticas, co acto de benvida aos vinte e cinco mozos e mozas que integran a súa XIII promoción. Este alumnado foi seleccionado logo de superar unha proba na que tomaron parte máis de catrocentos alumnos e alumnas de toda Galicia.

O campamento celebrado na fin de semana, no Albergue de Ecoturismo Alvarella no Concello de Vilarmaior en A Coruña, supón unha toma de contacto entre o alumnado nun ambiente lúdico-matemático. Os mozos e mozas manipulan as cúpulas de Leonardo, participan nun concurso de fotografía matemática, traballan cos exemplares das unidades didácticas de ‘Domingo Fontán’ e ‘ María Wonenburger’ e realizan un paseo lóxico-matemático á Torre dos Andrade.

Durante o curso os estudantes seguirán un programa especial de estímulo do talento matemático baixo as directrices do proxecto Estalmat-España, que desde o ano 1998 ven implantándose en distintas comunidades como Madrid, Cataluña, Castela e León, Castela-A Mancha, Andalucía, Canarias, Valencia, Cantabria e Illas Baleares. Estas actividades terán lugar na Facultade de Matemáticas nas mañás de vinte sábados de cada un dos dous vindeiros cursos académicos. Estalmat-Galicia mantén tamén o programa Estalmat PI, dirixido a manter o contacto un ano máis con actividades impartidas en doce sábados do curso. Trátase de detectar e prestar atención a nenos e nenas con talento que, en moitos casos, poden quedar desatendidos nos círculos normais do ensino e da familia. Nos seus doce anos de implantación, Estalmat-Galicia ten examinado a case 4000 estudantes con grande interese polas matemáticas e ten seleccionado a máis de trescentos “talentos matemáticos”, en palabras do seu presidente.

O acto de apertura do curso estivo presidido polo Vicerreitor de Investigación e Innovación, Vicente Pérez Muñuzuri, acompañado pola decana da Facultade de Matemáticas, Elena Vázquez Cendón, e polo presidente do proxecto Estalmat-Galicia e ex reitor da USC, Juan Viaño Rey. Xunto a eles, tomaron parte os representantes dos patrocinadores principais do proxecto, Juan Carlos Varela Vázquez, subdirector xeral de Ordenación e Innovación Educativa e Formación do Profesorado; e Pilar García Porto, deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo da Deputación de Lugo. Completaron a mesa a profesora Mercedes Rodriguez Bruzos do IES Rosalía de Castro, en representación dos docentes que mobilizan e avalan aos estudantes que participan nas probas de selección.

Los contenidos de esta página se actualizaron el 19.12.2019.